Un roteiro por Vilaxoán, guiado por Xurxo Souto, abre as actividades do Revenidas

O Salnés
11 de setembro 2024

O festival comezará o xoves cos concertos de Lendakaris Muertos, Muchachito Bombo Infierno, Dakidarría, The Tyets, Balkan Paradise Orquestra, Mafalda, Vértebras, Trashtucada e A Duendeneta

Festival Revenidas 2023 Christian Pérez - Revenidas

O roteiro "Re-Descubre Vilaxoán" guiado por Xurxo Souto marcará este mércores o punto de arranque do festival Revenidas. Visitarán os pazos de Pardiñas e Sobrán, as pías da salga, o lavadoiro ou a praza Rafael Pazos, e contarán coa amenización do gaiteiro Carlos Rey e dalgúns dos compoñentes da Coral de Vilaxoán.

O Revenidas acollerá o venres lugar ás 13 horas do venres no Centro Sociocultural e Deportivo de Vilaxoán a preestrea do documental "Seguimos en Pé!", que recolle o concerto especial que Dakidarría ofreceron no festival de Vilaxoán en 2023, no que participaron máis de 50 artistas convidados, así como outros momentos da xira 'XX Aniversario'.

A proxección do documental contará con varios dos compoñentes do grupo que charlarán co público e comentarán curiosidades da película. A preestrea rematará cun pequeno concerto en acústico de Dakidarría. Esta actividade tamén é de balde ata completar aforo.

As "Catas dos sentidos" da adega Paco e Lola veñen a sumarse as "Experiencias Revenidas" que se completan co roteiro guiado, a sardiñada do domingo, a gala de circo solidaria e os concertos a bordo, para os que xa se esgotaron as entradas.

PRIMEIRA XORNADA DE CONCERTOS

A Duendeneta será, o xoves, a partir das 18 horas a encargada de facer soar as primeiras notas musicais do recinto do Revenidas 2024. Carlos Crespo e Kris K Dj animarán os primeiros intres do festival, dende a apertura de portas ata o comezo do primeiro dos concertos, o de Vértebras, dúo de hip hop feminista e comprometido que forman as viguesas Ika Suversiva e Amari. 

O segundo dos concerto, a partir das 19.20 horas, terá como protagonistas a The Tyets, un dúo de Mataró que coa súa proposta de "trapetón" converteuse no primeiro grupo que canta en catalán con máis dun millón de oíntes ao mes en Spotify. Ás 20.30 horas actuarán Balkan Paradise Orchestra, ás 21.30 h haberá unha nova sesión da Duendeneta e ás 22 h comezarán Lendakaris Muertos, un dos grandes nomes propios do punk estatal.

Os valencianos Mafalda, que este ano anunciaron a súa disolución, ofrecerán no Revenidas o seu derradeiro concerto en Galicia a partir das 23.20 h. Tras eles, ás 00.25 h, será a quenda de Muchachito Bombo Infierno, quen sube por ver primeira ao escenario de Vilaxoán. 

O penúltimo concerto do xoves será, ás 01.50 horas, o de Trashtucada, un septeto que mestura rock, reggae e ska. A primeira xornada do Revenidas rematará cunha actuación de Dakidarría a partir das 02.50 horas.