Un proxecto didáctico dará a coñecer o Camiño de Santiago e o Museo de Pontevedra entre o alumnado de educación infantil e primaria

Pontevedra
13 de setembro 2022

A Axencia Turismo de Galicia vai difundir os valores do Camiño de Santiago e a riqueza do Museo Provincial de Pontevedra entre escolares de localidades polas que pasa a ruta portuguesa a través do programa O Teu Xacobeo

Presentación da iniciativa "O Museo en Camiño, volta á ruta" Mónica Patxot

A Axencia Turismo de Galicia vai difundir os valores do Camiño de Santiago e a riqueza do Museo Provincial de Pontevedra entre escolares de localidades polas que pasa a ruta portuguesa a través do programa O Teu Xacobeo.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, presentou este martes, na sala Castelao do Museo de Pontevedra, a iniciativa "O Museo en Camiño, volta á ruta" xunto ao seu director, José Manuel Rey, as representantes da asociación Taller Abierto -promotora deste proxecto- África Martínez e Ana Barreiro e a actriz, contacontos e artista Raquel Queizás.

Esta nova actividade consiste nun proxecto didáctico pioneiro que se desenvolverá do 15 de setembro ao 31 de outubro entre escolares de educación infantil e primaria da cidade de Pontevedra e das localidades de Cesantes, Pontesampaio, Barro, Catoira e Pontecesures.

Este proxecto baséase nos materiais educativos e lúdicos creados na convocatoria anterior para dar a coñecer o Camiño de Santiago e o Museo de Pontevedra entre os cativos e renóvase coa introdución e mistura de artes escénicas e plásticas, os valores patrimoniais, obradoiros interxeracionais e unha exposición de clausura.

Rey explicou as liñas básicas da iniciativa. "Por unha parte o Museo itinerante sae a percorrer o Camiño no seu formato portátil dando a coñecer algunha das mostras máis relevantes das súas coleccións, levando as súas actividades a cinco centros escolares da provincia. Por outra, o Camiño achégase ao Edificio Castelao para reforzar a importancia das súas coleccións e o papel de Pontevedra como un dos principais enclaves do Camiño Portugués, a través da realización dunha serie obradoiros para público familiar e unha exposición de fin do proxecto que amosará os seus resultados".

Comezará este venres 16 de setembro en Barro e chegará despois a Catoira (21 de setembro), Ponte Sampaio (29 de setembro) e xa en outubro a Pontecesures e Cesantes.

O alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria de centros educativos destas localidades recibirá a visita de Raquel Queizás, que fará unha representación teatral baseada na escolma de pezas representativas da colección do Museo.

Dunha maneira innovadora, a rapazada achégase a un anaco de patrimonio que viaxa pola ruta xacobea para poñelos en contacto con partes da súa propia historia que descoñecen. O alumnado participante recibirá un prego didáctico ilustrado con información do Camiño de Santiago e do patrimonio máis representativo do Museo de Pontevedra.

"As dúas primeiras edicións de O Teu Xacobeo permitiron desenvolver 572 actuacións en máis de 200 localidades galegas e seguimos a darlle pulo nesta terceira quenda, na que a Xunta mobiliza 1,5 millóns de euros, no que está a ser a maior convocatoria de ámbito sociocultural da historia de Galicia", detallou a modo de balance Luis López.

O delegado da Xunta sinalou que esta iniciativa, xunto cos Concertos do Xacobeo, que volverán a Pontevedra nas dúas vindeiras fins de semana co FERVE e o Río Verbena Fest, e as decenas de actividades postas en marcha na cidade e ao longo do Camiño Portugués "están a contribuir decisivamente a que esta ruta se consolide como a segunda en importancia, a que xa batera o seu récord de visitantes cando aínda restan 110 días de Xacobeo e a que se xere un importantísimo retorno socioeconómico na capital e en toda a provincia".