Un Pazo "único en Galicia" que os Montenegro construíron no século XV e Montero Ríos puxo no mapa no XIX

Pontevedra
10 de maio 2023

O Pazo de Lourizán destaca como exemplo da arquitectura civil de estilo ecléctico, cos elementos propios do estilo coñecido como Segundo Imperio Francés. Exemplifica os diferentes períodos históricos e a súa capacidade de adaptación a diferentes usos, desde a granxa orixinal cara a unha quinta de recreo e unha residencia ostentosa

Pazo de Lourizán Mónica Patxot

O Pazo de Lourizán é unha edificación "singular" e "único en Galicia". Así o define a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural con motivo do inicio do expediente para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), na que detallan as singularidades e os valores artísticos, arquitectónicos, históricos, científicos e técnicos do inmoble. 

Así, sinalan que destaca como exemplo da arquitectura civil de estilo ecléctico, cos elementos propios do estilo coñecido como Segundo Imperio Francés. "Se atendemos ao seu carácter e dimensións pódese considerar único en Galicia", insiste. 

Do Pazo descatan tamén que exemplifica os diferentes períodos históricos e a súa capacidade de adaptación a diferentes usos, desde a granxa orixinal cara a unha quinta de recreo e despois unha residencia ostentosa con funcións representativas, en alusión á etapa na que estivo en mans de Eugenio Montero Ríos, relevante personaxe da política nacional entre finais do século XIX e primeiros anos do século XX.

As súas orixes están ligados á familia Montenegro desde finais do século XV. No lugar construíron unha casa torre fortificada na que en 1609 Luís de Góngora pasou unha tempada e escribiu unha parte do seu libro Soledades

Durante o século XVIII e primeiras décadas do XIX existen documentos que vinculan a propiedade e as súas transmisións ao Marqués de la Sierra, ao Marqués de Castelar, Francisco Genaro Ángel, Atanasio Pulgar e Pedro Pulgar del Castaño. Foron os herdeiros deste último os que a alugaron, o 26 de agosto de 1876, a Eugenio Montero Ríos que, posteriormente, adquiriuna e gozouna ata a súa morte, o 12 de maio de 1914. 

A súa configuración actual responde a esa etapa en mans de Montero Ríos, que o puxo no mapa e encargou a súa reforma e ampliación ao mestre de obras Jenaro de la Fuente Domínguez entre 1909 a 1912. 

O resultado desta ampliación foi descrito por Xaime Garrido como "o máis monumental e impresionante pazo galego deseñado por el xenial arquitecto de oficio (por non estar titulado como tal) Jenaro de la Fuente Domínguez".

O conxunto formado polo pazo, construcións auxiliares, hórreo, pombal, lavadoiro, fontes, antiga fábrica de augardentes e xeo, muíño, invernadoiro, sen esquecer os xardíns, canles, estanques, grutas, escalinatas, emparrados, muros e bancales, constitúe en por si un destacado conxunto.

Outros elementos significativos son os xardíns que se integran na leira e que no seu momento foron deseñados para gozar do espazo e con anterioridade á implantación da reforma do edificio principal, seguindo os criterios propios do paisaxismo da época, como poden ser os estanques, as grutas, as fontes ou mesmo as escaleiras que aparecen nos muros, poderían constituír por si mesmos un xardín ecléctico de gran valor.

Tamén o arboledo xerado na leira é dos máis importantes de Europa, onde se poden ver especies vexetais traídas doutras latitudes ou mesmo modificacións singulares de especies para adaptalas ao clima de Pontevedra, dando como resultado un conxunto forestal único.

As escaleiras e terrazas abertas protagonizando a fachada principal reaparecen noutros proxectos de Jenaro de la Fuente, en especial no Gran Hotel de Mondariz, o que confirma a relación entre Lourizán e as arquitecturas do lecer máis cosmopolitas do século XIX. O complemento da gruta e das estatuas que se reparten desde a base ata o miradoiro superior contribúe a darlle unha categoría de peza artística con personalidade e presenza diferenciada con respecto ao resto do pazo.

Tamén é necesario destacar as obras da cripta baixo a capela de Lourizán e o uso que fai Joaquín Luque Roselló cando pasa o verán nesta leira co fin de pintar unha serie de panneaux que decorarían o salón principal, ou a pintura mural dun Cristo crucificado sen cruz, a modo de cabecero do dormitorio de Eugenio Montero Ríos e da súa esposa Avelina Villegas Rubiño. 

Desde 1943 estivo en mans da Deputación Provincial, que adquiriu a leira para instalar o Centro Rexional de Ensinos, Investigacións e Experiencias Forestais e en 1945 acordou o traslado dos restos mortais de Eugenio Montero Ríos e Avelina Villegas á igrexa de San Andrés de Lourizán.

En 1991 a Deputación cedeu á Xunta de Galicia os dereitos de xestión por un prazo de trinta anos e no que continúa a actividade do Centro de Investigación Forestal (CIF), que mantén a tradición ligada ao coñecemento e capacitación na materia.

Na actualidade a entrada ao edificio do pazo non está permitida a visitantes, unicamente poden acceder a el persoas autorizadas. Só é visitable polo exterior.

Destaca a Xunta que toda a propiedade ten un grande potencial e interese cultural e turístico. O inmoble é un dos doce pazos integrantes do roteiro da Camelia, impulsado pola Axencia de Turismo de Galicia e dada a súa actual condición, considera Patrimonio que debe contemplarse a posibilidade da introdución de novos usos, tanto relacionados coa actividade de investigación como os da interpretación do patrimonio cultural e servizos para visitantes de carácter cultural e turístico.