Un obradoiro reinterpretará de maneira tipográfica o 'Diario de 1921' de Castelao

Pontevedra
14 de xaneiro 2022

Está destinado a público adulto e desenvolverase o sábado 22 de 11.30 a 13.30 horas. As prazas son limitadas e precísase inscrición previa 

Un obradoiro reinterpretará de maneira tipográfica o 'Diario de 1921' de Castelao Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vai celebrar o vindeiro sábado 22 un obradoiro titulado 'Tipograficamente Castelao' que servirá de complemento á exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921' e que estará baseado no Diario que escribiu o artista durante o seu periplo formativo.

As persoas que participen no obradoiro poderán iniciarse, da man da especialista Cris Ultre, na técnica da impresión con tipos móbiles empregando materiais da época, como prensa tipográfica, letras de chumbo e madeira, e diferentes tintas facendo unha reinterpretación creativa dos textos e imaxes contidos do Diario.

Elaborararanse composicións, fanzines e impresións conxuntamente, xogando coa maquetación, cor, formato, imaxes, verbas e outros ingredientes varios a mesturar. Todo este material creativo poderá ser levado para a casa polos asistentes, ademais de ser posible de xerar tamén material para ser exposto nalgún momento.

O obradoiro está destinado a público adulto e nenos de máis de 12 anos.

Desenvolverase o 22 de xaneiro de 11.30 a 13.30 e é precisa inscrición previa no correo educacion.museo@depo.gal, sendo cubertas as prazas por estrita orde de inscrición.

'Tipograficamente Castelao' é unha iniciativa que pretende completar as actividades da exposición 'Castelao en Europa. A viaxe de 1921' comisariada por Ángeles Tilve que estará aberta ata o vindeiro 23 de xaneiro. A mostra pon en valor a figura do artista e conmemora o centenario da viaxe formativa que, pensionado pola Junta para la Ampliación de Estudios, fixo Castelao de xaneiro a outubro de 1921 por Francia, Bélxica e Alemaña.