Un libro para recuperar a memoria dunha muller silenciada e adiantada ao seu tempo, María Vinyals

Pontevedra
03 de novembro 2017

O Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra acolleu a presentación da primeira biografía sobre a escritora e precursora do feminismo María Vinyals. Carmela Silva destaca que "poñer en valor a figura de María Vinyals é imprescindible" 

Presentación da primeira biografía sobre a escritora e precursora do feminismo María Vinyals Diego Torrado

"Este é un libro para recuperar a memoria dunha muller silenciada e adiantada ao seu tempo". Así resumía este xoves a investigadora, profesora e ensaísta Aurora Marco a nova publicación presentada no Sexto Edificio do Museo Provincial de Pontevedra, a primeira biografía sobre a escritora e precursora do feminismo María Vinyals

A presentación contou coa participación da presidenta de Deputación, Carmela Silva; o director do Museo, Carlos Valle; o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal; e Ángela Comesaña e Aurora Marco, comisarias da mostra 'De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social', que que pode visitarse no Sexto Edificio ata o 12 de novembro e responsables do traballo de investigación que deu lugar a este libro. 

Nesta nova publicación, Ángela Comesaña e Aurora Marco fan un percorrido pola vida da aristócrata pontevedresa, desde o seu nacemento o 14 de agosto de 1875 no castelo de Soutomaior ata os últimos días dos que se ten noticia da súa existencia, que as autoras sitúan en 1942. Dedican ademais un epígrafe á súa obra tanto literaria como xornalística e un apartado exclusivamente á súa acción como precursora do feminismo.

As comisarias e investigadoras tamén ilustran o seu activismo feminista con extractos de diversas intervencións públicas datadas entre os anos 1905 e 1929 e cos seus traballos en prensa escrita nos que reivindicaba o dereito a voto das mulleres. "Ela foi feminista e sufraxista, cando estes dous lemas supuñan unha grande dose de heroísmo naquel período inicial de reivindicacións de comezos do século XX", aseguran. 

A presidenta provincial destacou que "poñer en valor a figura de María Vinyals é imprescindible" mentres Xosé Leal insistía en que "por desgraza as mulleres no mundo da arte non teñen toda a visibilidade que merecen".