Un libro de fotografías antigas recupera a memoria do barrio da Moureira

Pontevedra
28 de decembro 2016

'A Moureira dos nosos avós', que contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra, foi presentado este luns no Arquivo provincial

Presentación do libro 'A Moureira dos nosos avós' Deputación de Pontevedra

"Grazas a esta publicación podemos gozar dunha compilación etnográfica da Pontevedra antiga e coñecer o valor dun barrio histórico desta cidade" así comezaba o deputado de Cultura, Xosé Leal, a súa intervención durante a presentación do libro de fotografías que xira ao redor da historia do barrio da Moureira.

O deputado provincial estivo acompañado polo autor do libro, Rafael Fontoira, polo presidente e a secretaria da Asociación de Veciños de San Roque, Sabino Martínez e Carmela Pazó, e polo propietario dun dos arquivos familiares do que proceden parte das fotografías, José M. Pidre Novás. Xosé Leal aproveitou para felicitar tanto ao autor como aos promotores da publicación polo labor de recuperación que se recolle no libro e animou a seguir con este tipo de traballos etnográficos sobre os barrios da provincia.

O autor, Rafael Fontoira, quixo destacar que o libro é unha homenaxe aos fotógrafos de Pontevedra e "sobre todo ás dúas Moureiras, á de abaixo, fundamentalmente de pescadores, e á de arriba, de mercadorías".

Lembrou que historicamente a Moureira de arriba era a zona portuaria de mercadorías de onde saían embarcacións cargadas de viño do Ribeiro, de peixes en salgadura ou ferramentas de ferro, e que nesa zona atracaban os barcos no grande estuario do río Rons.

Un fito importante nesta zona foi a construción da ponte do Burgo, da que o libro recolle a fotografía máis antiga das coñecidas desta ponte, datada en 1.880 e da autoría de F. Zagala, e na que se observa que aínda está sen construír o Mercado Vello. Fontoira destacou ademais as fotografías dos peiraos medievais, antes da obras do primeiro recheo.

O autor tamén tivo palabras de especial recoñecemento ao presidente da Asociación de Veciños de San Roque, Sabino Martínez, ao que nomeou polo seu alias 'Panderetas' , e que foi o que atesourou todas as fotos antigas do barrio que ían caendo nas súas mans, chegando a xuntar máis de 400 imaxes.

'A Moureira dos nosos avós' contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra para ser editado e foi presentado no Arquivo provincial nun acto aberto que contou con gran asistencia de público.