Un Festival de Jazz "con son internacional, con son galego e con son de muller"

Pontevedra
15 de xullo 2022

O Concello de Pontevedra foi escenario este venres da presentación oficial do 28 Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, "unha cita que xera moitísima expectación e que volve con toda a súa intensidade" tras dous anos de pandemia

Presentación do 28 Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra foi escenario este venres da presentación oficial do 28 Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, "unha cita que xera moitísima expectación e que volve con toda a súa intensidade" tras dous anos de pandemia, asegurou a concelleira de Festas, Carmen da Silva.

De feito, despois de manterse a actividade de jazz os últimos anos en formato reducido "é unha ledicia enorme poder recuperar a internacionalidade do festival", sinalou uns dos seus organizadores, Alberte Lastres, acompañado de Paco Charlín.

Será unha edición, do 20 ao 24 de xullo, "con son internacional, con son galego e con son de muller", defendeu a edil sobre un cartel no que sobresaen tres artistas femininas como Ida Nielsen, Samantha Fish e Andrea Motis.

Antes, o encargado de abrir o festival será o concerto, o mércores 20 de xullo, de Jeffery Davis Quartet, cunha proposta que mestura as harmonías do jazz moderno e ritmo tradicionais coa música de cámara.

O xoves 21 de xullo o protegonismo será de Andre B. Silva con "un grupo que se caracteriza por ter cinco guitarras", explicou Charlín. De feito o guitarrista e compositor portugués reúne a cinco mestres guitarristas do Porto e Galicia, xunto a un baixista e un baterista en busca de sonoridades pouco exploradas.

Un día despois, o venres 22 de xullo, será a quenda da catalá Andrea Motis, "unha das artistas de jazz deste país con maior proxección internacional", destacaron na presentación. Cantante, compositora, trompetista e saxofonista, explora e mestura nos seus discos sonoridades como o funk, o jazz eléctrico ou o neo-soul.

O concerto do sábado 23 de xullo subirá ao escenario da Ferrería a danesa Ida Nielsen, unha artista que "ten base de rhythm and blues pero que engade soul, hip-hop ou funk", explicou Alberte Lastres sobre unha das mulleres máis importantes da escena jazzística actual.

Por último o Festival de Jazz concluirá o día 24 coa actuación da estadounidense Samantha Fish, gañadora en 2012 do premio de artista revelación dos Blues Music Awards e con "uns shows en vivo poderosísimos" nos que predomina "un blues de moita raíz".

Todos os concertos, que serán de balde, comezarán ás 22:30 horas na Praza da Ferrería, completándose a programación cos pasacalles (12:30 e 20.00 horas) da Street Band Chivinjazz.