Un concerto inclusivo celebra os 20 anos de Silvia Penide sobre os escenarios e o Día das Linguas de Acenos

Pontevedra
19 de setembro 2023

A cita será o 23 de setembro ás 20:30 horas e as entradas están dispoñibles en www.ataquilla.com. A creadora ofrecerá un directo inclusivo no que estará acompañada por unha intérprete de lingua de signos. Presenta o seu último traballo, 'Mentres dura o aplauso', o primeiro vinilo na súa carreira

Silvia Penide Cris Pontanilla

A cantautora Silvia Penide presentará o vindeiro sábado, 23 de setembro, o seu último traballo discográfico no Teatro Principal de Pontevedra. Será cun concerto inclusivo que servirá ao mesmo tempo para celebrar o seu 20 aniversario sobre os escenarios Día Internacional das Linguas de Acenos.

A cita será ás 20:30 horas e as entradas están dispoñibles en www.ataquilla.com.

A creadora ofrecerá un directo inclusivo no que estará acompañada por unha intérprete de lingua de signos.

Ademais, para conmemorar estas dúas primeiras décadas sobre as táboas, presenta o seu último traballo, 'Mientras dura el aplauso', o primeiro vinilo na súa carreira, que está á venda unicamente en formato físico. Pódese solicitar a través de silviapenide.com.

Cunha tirada limitada de 250 exemplares numerados a man, a cantante e compositora presenta este 2023 un resumo especial dalgúns dos grandes momentos que viviu sobre os escenarios nestas últimas dúas décadas. Faio, ademais, rodeada de grandes voces da escena musical galega e española. Así, temas dos seus anteriores traballos discográficos, como Rebentaba, O efecto boomerang ou Descredo, soan agora máis especiais, se cabe, con colaboracións como as de Mercedes Ferrer, Víctor Manuel ou Javier Álvarez, respectivamente.

Neste novo álbum, Silvia Penide tamén comparte as súas cancións con Eladio Santos, Ugía Pedreira, Félix Arias, Andrés Suárez ou Guadi Galego, con quen reinterpreta O salto (publicada inicialmente no efecto boomerang, en 2019), e que se converteu no primeiro single do novo LP.

O álbum, mesturado e masterizado por Arturo Vaqueiro, inclúe un tema inédito, 'El colchón y el diván', no que Silvia Penide convida o público "a quitarse a culpa que ás veces unha ten encima".