Un concerto de Carlos Núñez porá a guinda á programación escénica de Culturgal

Pontevedra
04 de xuño 2018

Culturgal xa ten decidido cales serán os catro espectáculos que, na súa duodécima edición, integrarán a programación escénica da feira, que nesta ocasión celebrarase en Pontevedra entre os días 30 de novembro e 2 de decembro

Carlos Núñez Culturgal

Culturgal xa ten decidido cales serán os catro espectáculos que, na súa duodécima edición, integrarán a programación escénica da feira, que nesta ocasión celebrarase en Pontevedra entre os días 30 de novembro e 2 de decembro.

O gran protagonista será Carlos Núñez, que actuará en directo no auditorio do Pazo da Cultura o sábado 1 de decembro. Será un concerto integrado na súa xira de nadal que acostuma rematar o ano no Palau da Música de Barcelona, sempre cun todo vendido.

É unha proposta, na que o artista traballa para pechar ao ano, ao redor do patrimonio e rodeado de novos músicos. Nos últimos anos, Carlos Núñez investiga ademais o contacto da música medieval na música tradicional e toma esta como fonte para a interpretación dos sons do medievo. Esta conexión estará presente no espectáculo de Culturgal.

Inversa Teatro, pola súa banda, levará o venres 30 ao auditorio do Pazo da Cultura a peza Sofía e as Postsocráticas, interpretado por tres marionetas a escala real, Sócrates, Platón e Aristóteles, e tres actrices que os interpretan: Silvia Penas, Marta Pérez e María Roja.

Trátase dun proxecto de creación escénica de corte contemporáneo que xunto co emprego de técnicas tecnolóxicas avanzadas mesturadas co emprego de marionetas a escala real, fomentan un espectáculo visual no que a partires de conceptos e ideas da filosofía grega clásica examinan a violencia e o maltrato machista na sociedade actual.

O domingo será para dúas propostas para o público familiar. Trátase de OVIRAVAI e Xan Curiel, ambas presentadas pola Editorial Galaxia e que se programarán en sesión de mañá e tarde. 

OVIRAVAI son Verónica Santalices, Laura Iglesias, Federico Wlicki e David Álvarez. Eles fan todo: tocar, ilustrar e, sobre todo, crear música. 

No caso de Xoán Curiel, na súa traxectoria artística destaca a súa versatilidade, participando coma actor, músico, director, cantante ou bailarín en diversos proxectos vinculados á música, o teatro, o teatro infantil e a danza.

Arquivado en