'Un cesto de mazás', un libro para recuperar a memoria das vítimas evidentes do 36... e de todas as demais

Pontevedra
16 de setembro 2015

Persoas detidas, fusiladas, asasinadas en cunetas, escondidas durante anos en tobos de cortes ou ocos de cociña, humilladas... e unha longa lista de vítimas do Golpe de 1936, da Guerra Civil e da Ditadura en Galicia. Estes son os protagonistas de Un cesto de mazás. Memoria das vitimas do 36 e do tempo que veu, segundo libro da xornalista Montse Fajardo que se presenta este venres en Vilagarcía de Arousa

Presentación do libro 'Un cesto de mazás' de Montse Fajardo
Presentación do libro 'Un cesto de mazás' de Montse Fajardo /
Presentación do libro 'Un cesto de mazás' sobre a memoria das vítimas do 36 /

Persoas detidas, fusiladas, asasinadas en cunetas, escondidas durante anos en tobos de cortes ou ocos de cociña, humilladas... e unha longa lista de vítimas do Golpe de Estado de 1936, da Guerra Civil e dos anos de Ditadura de Franco por toda Galicia. Estes son os protagonistas de  Un cesto de mazás. Memoria das vitimas do 36 e do tempo que veu, segundo libro da xornalista Montse Fajardo que busca achegar o seu gran de area á recuperación da memoria das vítimas desa etapa negra da historia de España; de todas as vítimas, tamén das que moitas veces foron aínda máis silenciadas que as demais, pois, en palabras da autora, "detrás de cada persoa fusilada ou asasinada nunha cuneta hai un ronsel doutras vítimas que moitas veces nin sequera son consideradas como tal".

Perseguindo ese obxectivo, Un cesto de mazás fala "de foxas, batallóns, cárceres e exilio", das vítimas evidentes do 36, pero tamén das outras, de "viúvas obrigadas a sacar adiante soas aos seus. Criaturas orfas que non volven á escola porque non se permite a entrada a flllas de rojos. Nais que saen pola noite a pasear por rúas oscuras porque din os vellos que a Santa Compaña anda cos mortos e ellas queren ver ao seu fillo fusilado unha vez máis...". Para Montse Fajardo ellas también son víctimas y por eso este libre "conta que pasou despois do fusilamento, do exilio, do cárcere...".

Para falar de todas elas válese de nomes propios e pon cara, nome e biografía a 16 historias de represión contadas en todos os casos por persoas próximas ás protagonistas. Unha delas é a historia de Josefina Arruti, moi de actualidade en Pontevedra porque pasou a dar nome á nova rúa xurdida do desdobramento da avenida de Vigo. Do mesmo xeito que ese nomeamento, este libro serve para facer xustiza cunha persoa moitas veces esquecida da historia pontevedresa. 

O capítulo dedicado a Josefina Arruti é, para a autora, "un exemplo desa invisibilidade das mulleres vitimas do 36", pois pasou 18 meses presa e dous anos en arresto domiciliario, pero na cidade sempre se considerou ao seu marido, o alcalde republicano Bibiano Fernández Osorio-Tafall, como a gran vítima do 36 porque se viu obrigado a exiliarse. Montse Fajardo fai súa unha apreciación da filla de Josefina de que a súa nai "presa primeiro e logo repudiada, sen moitos medios para saír adiante, sufriu tanto ou máis ca el". 

Josefina Arruti é tan só un dos vínculos deste libro con Pontevedra, pois a autora, natural de Vilagarcía de Arousa, outorga a paternidade desta obra a dous pontevedreses: o concelleiro Luís Bará, que "fixo que o 'meniño' fora así de listo, correxindo os erros lingüísticos" e Ismael Calvo, de Ovo Publicidade, responsable do deseño que "fixo que fora así de guapo". O toque pontevedrés chega tamén cos capítulos dedicados a Manuel García Amoedo, de Vilaboa, ou Antonio Alejandre, de Vilaxoán, pero que estivo preso en Pontevedra; e a cidade e a comarca están moi presentes nas 16 historias, pois é aquí onde fusilaron a outros dous protagonistas, Amando Igrexas, de Marin, e Celestino Carbia, de Valga; e onde daba clase outra das vítimas, Ernestina Otero.

Un cesto de mazás, quese presentará este venres 18 de setembro ás 21.00 horas no Salón García de Vilagarcía, é un libro de memoria que tivo as súas orixes na primeira obra de Montse Fajardo, Matriarcas. Mulleres en pé de vida, e no programa do Concello de Pontevedra A Memoria das Mulleres. A autora sempre foi consciente de que aínda "quedan centos de historias de represión por descubrir", por iso considera fundamental que se promovan iniciativas como este programa pontevedrés e por iso se decidiu a dar forma a un segundo libro. En Pontevedra, o libro será presentado o xoves 24 ás 20.30 horas no Pazo de Mugartegui coa presenza de Carmiña Arruti, que falará das experiencias da súa nai, segundo explicou Montse Fajardo na rolda de prensa ofrecida xunto ao concelleiro Luis Bará no Concello de Pontevedra.

Do mesmo xeito que no seu primeiro libro, conta historias de memoria oral, "historias contadas por quen as viviu ou nalgún caso por alguén moi próximo". Unha vez máis, busca colaborar para que se preserve a memoria oral e colectiva das galegas e, neste caso, tamén dos galegos porque, como ela mesma recolle no limiar, "nin podo nin quero seguir dándolles as costas aos esquecidos da nosa Historia".