A música tradicional combinada cunha sardiñada e cunha gala de circo solidario foron os atractivos da última xornada do Festival Revenidas que se celebraba este domingo en Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa.
Tras catro días de concertos nun ambiente familiar, De Ninghures era a formación encargada de poñer o broche final a esta edición que sumou máis de 28.000 seguidores que pasaron por este evento musical e festivo.
O venres e o sábado completouse a capacidade do recinto, con 8.500 asistentes en cada unha das sesións. A esas cifras hai que sumar as 6.500 persoas que acudiron o xoves e as 4.500 que se achegaron o domingo.
Uxía Lambona e a Banda Molona fixeron as delicias do público infantil para, a continuación, dar paso á Gala de circo solidaria; e ás actuacións de Caamaño&Ameixeiras; The Rapants; Mekánica Rolling Band e, finalmente, De Ninghures, banda seleccionada para apoiar o talento e impulsar proxectos musicais dentro dos programas de aceleración que promove a Fundación Paideia Galiza.
O considerado Festival das Linguas converteuse, unha vez máis, no epicentro da mellor música realizada en Galicia con Dakidarría; Tanxugueiras; Rebeliom do Inframundo; Fillas de Cassandra; The Rapants; Lontreira e Guadi Galego, entre outros grupos e artistas de referencia.
Ademais, a Gran Sardiñada Popular que deu orixe ao festival no ano 2003 volveu converterse nun éxito de participación nun evento que segue medrando en cada edición.
A organización destaca o "excepcional ambiente" que se percibía durante as catro xornadas no recinto do festival sen que se rexistraran incidentes de gravidade.
Agradecen á veciñanza de Vilaxoán a xenerosidade e a acollida que volveu mostrar durante esta edición.
Neste sentido, dous dos músicos que actuaron, Catuxa Salom e Rubén García (baixista de Guadi Galego) son coñecidos como "a filla do dentista" e "o neto do xastre" de Vilaxoán.
O festival xerou máis de 150 postos de traballo directos aos que se suman 5500 persoas que participaron como músicos e técnicos. A organización xa está traballando no Revenidas 2025 e, en breve, quere anunciar algunhas novidades para o vindeiro ano.