Tres novas cancións e unha imaxe renovada para o novo capítulo musical de Los Tónikash

Pontevedra
25 de decembro 2024

O espazo escollido para presentar esta nova etapa, na que tamén estrearán a súa nova imaxe como trío, é a cervexaría Palmkids House. Será este venres 27 de decembro, ás oito da tarde

Los Tónikash María Pol

Los Tónikash abren un novo capítulo na súa historia. Será a partir deste venres 27 de decembro, día no que presentarán tres cancións inéditas ante o público cunha gran festa.

O espazo escollido para presentar esta nova etapa, na que tamén estrearán a súa nova imaxe como trío, é a cervexaría Palmkids House, situada na Rúa Laranxo 25, en Pontevedra.

Alí, ás 20.00 horas, a banda ten previsto ofrecer un pequeno concerto onde amosarán as composicións finalizadas ao longo deste último ano, entre as que se inclúen estas tres cancións.

A entrada para o evento será libre ata completar a capacidade do local, no que tamén se proxectará a nova imaxe da agrupación, cun logotipo renovado grazas ao traballo do artista pontevedrés Santi Paredes e da fotógrafa lerezana María Pol.

Baixo o nome de Los Tónikash, explican eles mesmos, hai unha banda encomendada ao country e o rock americano, con case unha década de actuacións, discos e estrada ás súas costas.

Los TónikashMaría Pol

Desde Pontevedra, o trío musical conformado por Toño Caballero, Javi Rodríguez e Charlie Pereiro converteuse nunha das mellores representacións do xénero na capital lerezana.

Ofrecen un repertorio que navega entre composicións propias e versións levadas ao seu terreo, buscando manter a súa esencia, á vez que lles otorgan un aroma anello e persoal.

A súa aposta melódica en formato trío chama a atención ao outorgar o protagonismo musical non só á guitarra, senón que elevan e magnifican o uso da harmónica ao longo do repertorio, en sintonía e sincronía co lap steel.

As súas referencias móvense máis que nun amplo círculo nunha longa elipse histórica, que vai de Neil Young a The Black Keys, ou de Johnny Cash a The Pogues; sorprendendo en máis dunha ocasión ao lograr encaixar ese crebacabezas musical do que beben.