Tres minutos e... esgotadas as prazas para as Visitas Cruzadas da man de Nieves Rodríguez e Francisco Castro

Pontevedra
16 de abril 2018

Unha vez máis en menos de cinco minutos cubríronse as prazas para participar na visita prevista para a mañá do vindeiro domingo no Sexto edificio do Museo. A última visita será o domingo 29 coas explicacións de Margarita Ledo e Xacio Baño

Presentación Visitas cruzadas 2018 con Francisco Castro, Nieves Rodríguez, Xosé Leal e Carlos Valle Gabriela Varela Asorey

A actriz e comunicadora Nieves Rodríguez e o escritor, editor e driector xeral de Galaxia, Francisco Castro serán os encargados de ofrecer este vindeiro domingo 22as súas particulares explicacións nas Visitas Cruzadas sobre as obras que máis interese lles espertan do Sexto edificio do Museo.

Para esta sesión xa se cubriron este luns todas as prazas.

Abríase o prazo de inscrición ás 08.00 horas e en tres minutos apuntábanse as 50 persoas que se establecen de máximo para acudir a estas sesións, tal e como xa viña sucedendo nas anteriores Visitas Cruzadas.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, considera un éxito esta asistencia e afirma que son necesarias máis apostas pola cultura galega facilitando á cidadanía o acceso a espazos como o Museo de Pontevedra.

O vindeiro luns 23, a partir das 08.00 horas, vai abrirse o prazo para que as persoas interesadas poidan apuntarse á última visita que terá como protagonistas a Margarita Ledo e a Xacio Baño, dúas persoas moi relacionadas co mundo audiovisual. As 50 primeiras inscricións realizadas por orde de entrada dos correos serán os participantes desa última sesión.

As inscricións deben realizarse por vía correo electrónico no gabinete didáctico: gabinetedidactico.museo@depo.es

En cada correo poderán apuntarse un máximo de 4 persoas, que deberán ser maiores de 14 anos.