Entre os días 21 e 26 de febreiro, desenvolverase no Conservatorio un ciclo de música de cámara coa participación de tres importantes agrupacións.
Abre os concertos o venres 21 ás 19:30 horas, o conxunto de metais "Hércules Brass", unha agrupación de cinco músicos galegos (dúas trompetas, trompa, trombón e tuba) de recente creación, pero xa cunha moi relevante traxectoria en actuacións e recoñecementos, con premios en Alemaña e Francia, entre outros, e que colabora habitualmente con orquestras como a Sinfónica de Galicia.
O luns 24, ás 20:30 horas, actuará o quinteto de vento "Rubato" (frauta, óboe, clarinete, trompa e fagot), igualmente conformado por músicos do noso ámbito, que se especializaron na música de cámara na Escola de Altos Estudos Musicais (Santiago de Compostela) e que vén desenvolvendo a súa actividade en festivais e concertos, incluíndo a estrea de obras de composición propia.
Pecha o ciclo o cuarteto de corda "Crass" (dous violíns, viola e violoncelo) unha formación integrada por alumnado de últimos cursos do Conservatorio Profesional de Música Arturo Soria (Madrid) baixo a dirección de José Cruzado. Especializáronse na abordaxe de ciclos integrais, como o dos seis cuartetos Op. 18 de Beethoven, que traerán nesta ocasión a Pontevedra e que proximamente gravarán para a súa edición.