Tres días -con San Xoán incluído- para un Surfing the Lérez "exclusivamente galego"

Pontevedra
03 de xuño 2022

Cun festival "exclusivamente galego" e cun marcado protagonismo para os artistas pontevedreses. Así regresa, tras dous anos de parón pola pandemia, o Surfing the Lérez que reforzará o seu carácter de "romaría urbana". Nesta ocasión, o festival 'absorbe' a noite de San Xoán e será os días 23, 24 e 25 de xuño

Presentación do Surfing the Lérez 2022 Mónica Patxot

Cun festival "exclusivamente galego" e cun marcado protagonismo para os artistas pontevedreses. Así regresa, tras dous anos de parón pola pandemia, o Surfing the Lérez que reforzará o seu carácter de "romaría urbana", como destacaron os seus organizadores.

E é que, nesta ocasión, o festival 'absorbe' dalgunha maneira a noite de San Xoán e, durante os días 23, 24 e 25 de xuño, ofrecerá tres xornadas nas que, segundo a edil de Festas, Carme da Silva, "poder gozar da música na Illa do Covo, á beira do río".

Marcos Rivas, director do festival, foi o encargado de debullar o cartel que o Surfing the Lérez ofrecerá ao público durante estes tres días.

O xoves 23, primeiro día do festival, os concertos comezarán ás catro da tarde. Será unha xornada centrada nos "ritmos urbanos" con Ortiga, Carlangas, Budiño, Ariezzz, Uncle Dog & The Homeboys, Wygga, Sebastian Black B2 B G Rich e YNGZ.

Ao coincidir coa noite de San Xoán haberá ademais unha sardiñada popular.

Ao día seguinte, o venres 24, será a quenda do "rock de sempre", ao que se sumarán sons psicodélicos, garage e canción de autor. Terá o atractivo engadido de que Heredeiros da Crus, segundo o director do festival, dará o seu primeiro concerto en eléctrico en "sesión vermú".

A eles sumaranse Thee Blind Crows, Ruxe Ruxe, O Cadelo Lunático, Indy Tumbita & The Voodoo Bandits, Maefield, Fondo Norte, Anxo Araujo, Gazela, Moura o Dismal, co seu primeiro concerto en dez anos. Haberá sesións de Señora DJ, DJ Dinero, Carlos Crespo DJ e Kris K DJ.

O día grande do Surfing the Lérez será o sábado 25, no que o festival reunirá a algunhas das principais bandas e artistas da música galega actual como Grande Amore, Berto, Familia Caamagno, Terbutalina ou Boyanka Kostova.

Xunto a eles estarán Queco Lago, Cora Velasco, Carlota Crey, The Rapants, Kings of the Beach, Copa Turbo, Playa Desmayo e Elephants e Paw.

"É un festival familiar e este ano imos a que sexa máis familiar que nunca", explicou Rivas, que avanzou que uns 250 artistas da Escola Bonobo, de entre 3 e 15 anos, terán o seu espazo para mostrar o seu talento para a música.

Ademais, incorporarase un cuarto escenario, reservado para o público infantil, no que haberá contacontos, teatro e obradoiros infantís, da man entre outros de Golfiños, Magín Blanco, Xarope Tulú ou García MC, que desenvolverá un taller sobre memoria histórica.

A oferta paralela do Surfing the Lérez completarase, entre outras actividades, co tradicional mercado artesanal ou o espazo gastronómico que, nesta ocasión, será "máis pontevedrés que nunca" e restaurantes locais ofrecerán alí as súas propostas.

A entrada, como é habitual, será gratuíta pero haberá unha vertente solidaria. Os asistentes poderán levar alimentos non perecedoiros que, tras a conclusión do festival, serán entregados á Rede Axuda municipal para ser distribuídos entre diversos colectivos.