Tres concertos de balde no Auditorio Emilia Pardo Bazán durante este mes de maio

Sanxenxo
12 de maio 2023

A Escola de Música Municipal de Sanxenxo organiza este ciclo de 'Música na Escola' con propostas ao longo deste mes de maio en colaboración co Conservatorio de Música de Pontevedra e o grupo Samudra Trío. O primeiro concerto será este venres 12 ás 19.30 horas

Promoción de 'Odisea', disco de Samudra Trío Samudra Trio

Continúa o ciclo de 'Música na Escola', que organiza a Escola de Música Municipal de Sanxenxo. Nesta ocasión, coa colaboración do Conservatorio de Música de Pontevedra e o grupo Samudra Trío, desenvolverá tres concertos no Auditorio do Pazo Emilia Pardo Bazán con entrada libre.

O primeiro será este venres 12 de maio, ás 19.30 horas, coa participación dos estudantes Brian Artur Faro e Julia Rodrigues Fandiño, da especialidade de canto do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra. No seu recital ofrecerán unha mostra da evolución sonora desde o Barroco ata o Romanticismo. No programa figuran arias de ópera, romanzas de zarzuela de compositores tan destacados como Schubert, Mozart, Fauré ou Vivaldi.

O seguinte concerto está previsto para o luns 15 de maio, á mesma hora, con Samudra Trío, que presentará temas do seu disco 'Odisea', publicado a finais de 2022. A agrupación recibiu o IX Premio Martín Códax na categoría de Música Clásica e Contemporánea. As tres intérpretes mostran nas súas propostas escénicas as posibilidades da combinación de frauta, cello e piano.

O terceiro concerto chegará o mércores 24 de maio, ás 19.30 horas, coa Banda I do Conservatorio de Música Manuel Quiroga. Os intérpretes son estudantes con idades comprendidas entre os 12 e os 16 anos. A maioría de compoñentes pertence a bandas de distintos puntos da comarca de Pontevedra. No programa seleccionado ofrecerán músicas folclóricas e tradicionais do mundo desde Australia a Irlanda pasando por Galicia.