O IES Carril, o CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Filipenses) e o IES Armando Cotarelo Valledor de Vilaxoán representarán a Vilagarcía na XII edición do Club de Debate ALingua, unha iniciativa que promove o uso do galego entre o alumnado de secundaria en contextos formais e informais.
Os equipos vilagarciáns competirán con outros 28 conxuntos procedentes de diversos puntos de Galicia, como Narón, Pontevedra, Rois, Ribeira e Santiago.
O torneo está dirixido a estudantes menores de 18 anos que cursen 3º e 4º da ESO, 1º de Bacharelato ou ciclos formativos.
Cada equipo, formado por entre 4 e 10 membros e unha persoa preparadora, deberá defender posturas a favor ou en contra sobre temas de actualidade que se escollerán proximamente.
Os debates serán avaliados por un xurado de cinco membros que valorará aspectos como a fluidez comunicativa e a capacidade de argumentación.
A competición comezará cunha xornada de formación a semana do 13 de xaneiro en Pontevedra.
As fases clasificatorias celebraranse a partir do 24 de febreiro, e a gran final está prevista para o 26 de abril, que se celebrará en Vilagarcía por ser o primeiro ano que participa no programa.
En canto aos premios, os dous mellores equipos de cada localidade recibirán galardóns culturais valorados en 500 e 300 euros respectivamente.
O equipo gañador absoluto desfrutará dunha viaxe de fin de semana nun espazo multiaventura.
Esta iniciativa, promovida polos servizos de normalización lingüística de varios concellos galegos, busca fomentar o traballo en equipo e o desenvolvemento do pensamento crítico entre a mocidade, sempre respectando a diversidade de opinións.