Todo preparado para un Cultura Quente que encherá Caldas de Reis do mellor rock

Umia
23 de xuño 2016

O festival de rock decano en Galicia, o Cultura Quente, preséntase este ano co que é, probablemente, un dos seus mellores carteis da súa historia. Durante os próximos 24 e 25 de xuño, a Carballeira de Caldas de Reis converterase nun punto de referencia para o público festivaleiro. Todos eles poderán gozar do mellor rock do panorama nacional e internacional

A banda estadounidense Supersuckers, nunha imaxe promocional Cultura Quente / Esmerarte

O festival de rock decano en Galicia, o Cultura Quente, preséntase este ano co que é, probablemente, un dos seus mellores carteis da súa historia. Durante os próximos 24 e 25 de xuño, a Carballeira de Caldas de Reis converterase nun punto de referencia para o público festivaleiro. Todos eles poderán gozar do mellor rock do panorama nacional e internacional.

Seguindo fiel ao seu estilo, Cultura Quente mantén o seu espírito un ano máis como un festival popular a prezos alcanzables co que gozar dunha contorna natural privilexiada, xunto ao río Umia e baixo unha carballeira centenaria, que ofrece unha acústica inigualable. E, como non podía ser doutra maneira, co rock como denominador común.

Tras tres anos de parón, o festival regresou en 2015 cunha décimo quinta edición na que congregou a preto de 5.000 persoas, cifras que a organización espera superar grazas ao cartel que lograron reunir este ano. Cultura Quente supón ademais todo un revulsivo para a economía local e unha importante inxección ao emprego estival, afianzándose como todo un referente nos eventos deste tipo que se celebran no noso país.

Supersuckers e Marky Ramone encabezan un cartel no que Cultura Quente quixo incluír tamén a bandas como Siniestro Total, Ilegales, Los Enemigos ou 091, sen as cales non se podería entender a historia do rock español. A oferta musical complétana Big Crunch, Havalina, El Drogas ou os galegos Furious Monkey House, Agoraphobia, Tractor Troy e Habitación Vudú. O peche poñerano os DJ Rafa Morcego e Lagartija.

Os horarios do festival, que abrirá as súas portas ás seis da tarde os dous días, son:

VENRES 24

  • 18.15 horas: Tractor Troy
  • 19.15 horas: Agoraphobia
  • 20.25 horas: Furious Monkey House
  • 21.35 horas: Havalina
  • 22.45 horas: Marky Ramone
  • 00.20 horas: 091
  • 01.55 horas: Los Enemigos
  • 03.30 horas: DJ Rafa Morcego

 

SÁBADO 25

  • 18.15 horas: Big Crunch!
  • 19.15 horas: Habitación Vudú
  • 20.15 horas: The Soul Jacket
  • 21.30 horas: El Drogas
  • 22.50 horas: Siniestro Total
  • 00.20 horas: Ilegales
  • 01.55 horas: Supersuckers
  • 03.30 horas: DJ Lagartija

 

Para os asistentes, a organización do festival habilitou unha zona de acampada solidaria. Por só tres euros poderase instalar unha tenda de campaña nun espazo acondicionado para a ocasión, próximo ao recinto dos concertos. Toda a recadación lograda por este concepto será doada integramente aos refuxiados sirios.

Pero tamén hai outra opción, se non se desexa pernoitar alí ou nos establecementos hostaleiros do municipio. Haberá catro liñas de autobuses que unirán Caldas con Pontevedra, con Cangas, con Cambados, A Illa e Vilagarcía e con Lalín, A Estrada, Cuntis e Moraña. Teñen un custo de seis euros ida e volta e os billetes pódense adquirir por adiantado no portal de Ticketea, onde tamén están á venda as entradas do festival.

Cultura Quente é un festival organizado por Radio Caldas e coordinado polo Grupo Esmerarte. Conta co patrocinio do Concello de Caldas, a Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas e Estrella Galicia.

O Cultura Quente é a primeira cita cos Festivais Rías Baixas, un colectivo que agrupa a sete eventos musicais da provincia de Pontevedra. Atlantic Fest (A Illa de Arousa), Portamérica (Nigrán), Sinsal (Redondela), SonRías Baixas (Bueu), O Marisquiño (Vigo) e Revenidas (Vilagarcía de Arousa) completan esta oferta que, xunto con estilos musicais para todos públicos, ofrecen unha experiencia turística e gastronómica inesquecible.