Todo preparado en Bueu para a XV edición do festival SonRías Baixas

Bueu
26 de xullo 2017

Quince bandas galegas, españolas e internacionais para celebrar o décimo quinto aniversario do SonRías Baixas de Bueu. E todo, sen perder a súa aposta pola gastronomía e polo medio natural. Así de interesante chega a nova edición do festival, que se desenvolverá na vila pontevedresa dentro dunha semana, os días 3, 4 e 5 de agosto

Presentación da XV edición do festival SonRías Baixas Alba Sotelo / SonRías Baixas

Quince bandas galegas, españolas e internacionais para celebrar o décimo quinto aniversario do SonRías Baixas de Bueu. E todo, sen perder a súa aposta pola gastronomía e polo medio natural. Así de interesante chega a nova edición do festival, que se desenvolverá na vila pontevedresa dentro dunha semana, os días 3, 4 e 5 de agosto.

Ao ritmo do mellor rock, punk, rumba, rap, reggae, ska, dub, blues ou música de raíz gozarán os milleiros de festivaleiros que chegarán a Bueu para este festival, que foi presentado este mércores.

O festival comezará o xoves 3 de agosto, ás 22.00 horas, no recinto da Estacada coa actuación de Pedra, un tributo a Extremoduro e unha sesión do DJ SonRías, que recordará os grandes clásicos da historia do SonRías Baixas. 

O venres 4 abrirá o Escenario Super Bock a forza combativa de Sés, ás oito. Despois, chegará a alegría mestiza de Amparanoia (21.30 horas), o punk-reggae dos arxentinos Todos Tus Muertos (23.30 horas), o rock combativo dos sevillanos Narco (01.00 horas) e o ska combativo dos Dakidarría, a iso das dúas e media da madrugada.

Nese mesmo escenario, o sábado 5 soará o rock con acento flamenco do proxecto persoal do cantante de El Puchero del Hortelano, Arco (20.15 horas), a rumba festiva de Estopa (21.45 horas), a delirante combinación de ska, punk, reggae, dub e folclore dos bosnios Dubioza Kolectiv (23.45 horas), a descarga enerxética dos valencianos Zoo (01.45 horas) e unha nova sesión do DJ SonRías, a partir das 03.30 horas.

Pero o SonRías é moito máis que un festival. É un fin de semana de lecer cultural e natural nun lugar privilexiado, toda unha experiencia coa marca da casa, que inclúe música, praia, gastronomía e propostas audiovisuais.

Por iso, o sábado 5 de agosto volve a Bueu a Casa SonRías, a singular casa de comidas musical coa que o festival SonRías Baixas conquistou ao público nas últimas edicións, que nesta ocasión se traslada á praia da Banda do Río, onde quen queira achegarse ata Bueu poderá vivir unha experiencia inolvidable: presenciar como os Poetarras preparan Rodaballo guisado e Anguriñas ao allo con gambón, man a man cos cociñeiros de El Rincón de Cela e Ipeansa catering.

Na ambientación musical, abrirán a programación deste segundo escenario, o Pescanova, a combinación de swing, funk, soul, rhythm&blues e rock de The Soul Breakers ao mediodía, tras o que chegarán a particular mestura de hip hop e sonoridades negras de Wöyza, o rock alternativo de Hexany e o blues experimental e a psicodelia rockera de Guerrera.

A asistencia a estas actividades é gratuíta e os pratos serán despachados en formato tapa a prezos moi axustados.

Ás 17.30 horas, a actividade trasládase ao Centro Social do Mar de Bueu, onde se proxectarán seis curtametraxes de temática musical, froito dunha colaboración entre o SonRías Baixas e o FICBUEU, entre eles Freddie, un biopic de Freddie Mercury, ou os proxectos españois Superpunky de Pablo Cacheda, Jarama de Albert Pla, Estribillo de César Tormo ou Zarpazo de Nerea Castro. Pecha as proxeccións a peza alemá Cigarbox Blues.

Os bonos que permiten asistir aos tres días de festival están á venda na web e nos puntos de venda físicos por 35,50 euros más gastos. Tamén é posible adquirir, por 25 euros máis gastos, unha entrada de día para asistir o venres ou o sábado.

Quen queira ir á festa de benvida do festival, o xoves pola noite, co concerto de Pedrá -Tributo a Extremoduro- e a pinchada do DJ SonRías, poderá facelo mercando unha entrada de 10 euros máis gastos.