Tindersticks, Nacho Vegas e El niño de Elche, primeiras confirmacións do Atlantic Fest

O Salnés
09 de marzo 2016

O Atlantic Fest, que tomará este verán o relevo do Festival do Norte na Illa de Arousa, desvelou xa as súas primeiras confirmacións. Este novo evento musical, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de xullo, desvelou que Nacho Vegas, El niño de Elche e os británicos Tinderstick formarán parte do cartel deste novo festival

Nacho Vegas, nunha recente imaxe promocional Juan Pérez-Fajardo / Marxophone

O Atlantic Fest, que tomará este verán o relevo do Festival do Norte na Illa de Arousa, desvelou xa as súas primeiras confirmacións. Este novo evento musical, que se celebrará os días 1, 2 e 3 de xullo, desvelou que Nacho Vegas, El niño de Elche e os británicos Tinderstick formarán parte do cartel deste novo festival.

Tindersticks é un grupo de rock formado en Nottingham, Gran Bretaña. O son do grupo parte do pop independente ao que incorporan arranxos orquestrais, de jazz e de soul. O seu selo distintivo márcano a profunda voz de Stuart A. Staples, que lle emparenta cos crooners clásicos e as sofisticadas orquestracións. Destaca na súa música a influencia de cantantes como Serge Gainsbourg, Le Hazlewood e especialmente Scott Walker. 

Nacho Vegas, tras formar parte de Manta Ray nos anos 90, comezou a súa carreira en solitario en 2001. É unha das voces máis representativas da música española. O seu último disco Canciones populistas publicouse en 2015. Trátase dun novo EP en formato dixital de cinco cancións que foi gravado dacabalo entre Cádiz, Asturias, Madrid, Zaragoza e México D.F. As súas letras reflicten o seu rexeitamento á actual situación social e política en España.

A terceira das confirmacións,El niño de Elche, é unha banda que se caracteriza pola experimentación e a improvisación dentro da música rock electrónica. Para moitos medios especializados, o seu último traballo discográfico, Voces del Extremo, foi o mellor disco do ano durante o recente 2015, sendo recoñecido mesmo co prestixioso Premio Ruído, outorgado pola Asociación de Xornalistas Musicais.

En próximas datas, a organización confirmará o nome de novas bandas e artistas.

DETALLES SOBRE O FESTIVAL

Na súa primeira edición, este festival con espírito familiar reunirá nun só evento unha selección de artistas de calidade con concertos en dous escenarios, actividades para nenos, mercado discográfico, conferencias, charlas, zona gastronómica e área de acampada.

Tendo sempre como prioridade a calidade en toda a súa oferta, Atlantic Fest será un festival, tal e como describen os seus organizadores, para gozar de día, xa que os concertos do escenario principal comezarán pola mañá e celebraranse nun espazo idílico, cunha praia bandeira azul xusto na entrada do recinto principal de concertos.

As entradas poñeranse á venda o próximo 18 de marzo e terán un prezo inicial de 35 euros -o abono para os tres días-.