Thom Archi publica "Over That", adianto do seu primeiro disco, que editará na primavera

O Salnés
16 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A finais da primavera editarase o primeiro disco de Thom Archi, un artista e produtor de orixe británica que reside no Grove. Pero para amenizar a espera, presentou un adianto deste traballo musical

Thom Archi Esmerarte Industrias Creativas

A finais da primavera editarase o primeiro disco de Thom Archi, un artista e produtor de orixe británica que reside no Grove. Pero para amenizar a espera, presentou un adianto deste traballo musical.

Fíxoo en forma de single. O tema que precede a este álbum debut é Over That, un medio tempo de rap alternativo cunha tonalidade escura que mostra as influencias das que bebe o propio artista, Twenty One Pilots, Brockhampton ou Tyler The Creator, entre outros.

Esta canción, segundo o propio artista, é unha ponte entre o seu anterior EP, Thomo, e o novo disco, que editará a compañía Esmerarte e que contén outro tipo de influencias máis próximas á electrónica e aos novos artistas británicos deste xénero como Fred Again.

Over That, producida por Iago Lorenzo e Gonzalo Maceira, é unha das primeiras cancións que Thom Archi escribiu para este disco. Fíxoo tras cumprir os 20 anos, un fito que "me impactou en varios aspectos" e que lle levou a expresar algúns deses sentimentos e dúbidas.

"A canción é un reflexo da miña propia experiencia e crecemento persoal. Describe o proceso de madurar e enfrontarse ás responsabilidades e desafíos da vida adulta, mentres reflexiono sobre as experiencias pasadas e desexos ou soños non cumpridos", subliña o músico

Nela, segundo Archi, fala sobre a loita interna entre querer escapar das responsabilidades adultas e recoñecer a necesidade de crecer e enfrontarse a elas, reflectindo a idea de "deixar atrás a mocidade e superar os erros do pasado e a dificultade de facelo completamente".

Thom Archi, o nome artístico de Thomas Argibay, é un artista nado no ano 2000 en Inglaterra, onde estivo a vivir ata os sete anos, cando foi a iniciar unha nova vida no Grove.

Ten un estilo indefinido, aínda que as súas influencias baséanse principalmente na música pop, a electrónica e o hip-hop. Explora as súas dúbidas persoais, musicais e sociais expresando as súas emocións a través das letras e intrépidos beats.