The Rapants: "Non cantamos nin tocamos mellor que ninguén, pero temos algo que non se sabe que é que a xente o disfruta e o pasa ben"

Pontevedra
26 de agosto 2023

Poucos son os que, especialmente durante este último ano, non oíron falar de The Rapants. Desde o seu Muros natal convertéronse en todo un referente da nova fornada da música galega. Enchen todos os seus concertos e contan cunha lexión de seguidores fieis

The Rapants The Rapants

Poucos son os que, especialmente durante este último ano, non oíron falar de The Rapants. Desde o seu Muros natal convertéronse en todo un referente da nova fornada da música galega. Enchen todos os seus concertos e contan cunha lexión de seguidores fieis.

Fieis á súa esencia, teñen claro a que público diríxense. "Non nos preocupa demostrarlle a un público máis adulto que a música que facemos nós é válida ou respectable", sinala Xanma, vocalista e guitarrista do grupo nesta entrevista con PontevedraViva.

Demostrarlle á mocidade que "hai que pasalo ben, non ter prexuízos e divertirse o máximo posible" é a súa máxima. No festival Río Verbena -sábado 26 de agosto, 01:15 horas- presentarán os temas do seu último disco, O corasón como un after.

Vaia ano que levades. Esperábades tanto éxito?

Cando empezamos a gravar o novo disco o obxectivo era dar un salto dentro da industria, con temas máis complexos e elaborados e con máis festivais e concertos. Pero non esperabamos a acollida que tivo. Sorprendeunos un pouco a recepción do disco por parte do público.

Tres concertos, incluído este de o Río Verbena, déstelos en Pontevedra. Que vos dá esta cidade que vides tanto?

Pontevedra ten unha movida moi guay de concertos e mólanos moito ir. Ademais, está a Sala Karma. Así que esperamos que haxa ambientillo no Río Verbena.

Diso estou seguro porque se algo tedes, sen dúbida, é conexión co voso público

Desde que empezamos achacábannos moito que o directo era un caos e que musicalmente tiñamos carencias. Pero sempre quedabamos contentos porque o público pasábao ben e divertíase. Agora notamos que demos un salto a nivel musical e á xente gústalle.

"No noso caso foi antes a actitude e as ganas de ter unha banda que a banda en si, porque a banda era un caos. Pero aos poucos a música foi collendo ritmo á actitude"

O voso primeiro EP saíu en 2018, pero a orixe de The Rapants é anterior, non?

Foi unha carreira de fondo. Samuel e eu coincidimos tocando en distintos combos e grupos. Un día reuninme con el para tocar unhas cancións que tiña aí, que eran 6AM e No ralles mamita, el ensinoume Trankimazin e decidimos gravalas.

E logo chegaron Matías e Joaquín?

Si, estabamos a buscar un baixista e un batería. Matías era o noso colega pero non quería tocar o baixo. Quería ser pianista sen saber tocar o piano nin ter ningún. Ao final liámolo e fomos arrancando. E logo chegou Joaquín, que ao ser máis novo non coincidira tanto connosco.

Realmente podemos dicir que no noso caso foi antes a actitude e as ganas de ter unha banda que a banda en si, porque a banda era un caos. Pero aos poucos a música foi collendo ritmo á actitude que tiñamos daquela e todo foi indo ben.

Cando chegou a pandemia, que foi de vós?

Para nós foi bo e malo ao mesmo nivel. Tiñamos preparada a gravación dun disco, que logo se converteu no EP Nic Bahía. Algunhas cancións que sobraron entraron xa en O corasón como un after.

Parounos todo e serviunos para reflexionar e pensar por onde queriamos seguir a nivel musical. Aí atopamos eses ritmos máis disco e a música máis electrónica con sintetizadores e secuencias que nos permitiu dar un salto de calidade nos directos que se nota.

Sentídesvos como un referente da música galega?

Esas cousas non as pensamos moito. Estamos máis rallados por innovar e polo futuro, aínda que igual debiamos gozar máis do éxito. Vimos da herdanza de bandas como Terbutalina, Novedades Carminha ou Familia Caamagno que foron os que marcaron esa nova onda galega. Non nos vemos tanto como un referente, senón como un froito de toda esa emulsión cultural.

Pero o que non me negarás é que estamos nun bo momento en Galicia...

Si, hai bandas de todos os estilos e para todos os gustos, pero tamén pola industria que hai, que non podemos queixarnos. Levamos case trinta actuacións este ano e só dúas fóra de Galicia, Madrid e León. Dar todos eses concertos, máis os que nos quedan, e que o público siga acudindo e que nos sigan programando é unha marabilla.

Falabas antes do son que atopastes, pero en The Rapants tamén tedes unha estética e unha personalidade moi marcada. 

O que buscamos é diferenciarnos tanto na vestimenta como nesa actitude que temos nós bastante festeira nos directos. Quixemos distinguirnos da roupa e da estética que usamos no día a día para darlle aos concertos máis importancia e máis valor, o que che dá máis seguridade á hora de tocar. É unha suma de todo.

Que crees que ten The Rapants para que guste tanto ao público?

Iso non o sabemos nin nós, pero todo o mundo di que é algo distinto. Dinnos moitas veces que non cantamos mellor que ninguén ou que non tocamos mellor que ninguén, pero que temos algo que non se sabe que é que a xente o disfruta e pásao ben. Será iso, que a xente o pasa ben e disfruta máis que noutros concertos.

"Fainos ilusión por ir despois dunha banda referente da escena indie como é Vetusta Morla e antes duns colegas como Galician Army. É un escaparate de luxo para que nova xente nos coñeza"

Conectades especialmente coa xente nova, sodes case como unha banda xeracional

Iso é algo que nos alegra bastante. Non nos preocupa demostrarlle a un público máis adulto que a música que facemos nós é válida ou respectable, senón demostrarlle á mocidade que hai que pasalo ben, non ter prexuízos e divertirse o máximo posible.

O corasón como un after era o disco que necesitabades facer?

Tiñamos claro que queriamos facer un disco. Gravaramos Cariña de raposo pero fora moi axetreado e agora queriamos un disco elaborado, indo a estudo e que alguén nos dese algo de caña e explorar novos camiños. Tardamos moito en gravalo porque fomos por cada tema. Iamos cando podiamos. Puxémoslle moito agarimo e creo que é algo que nota.

E despois de tanto trafego que vos queda por facer este ano?

Quédannos outros tantos concertos porque por agora seguimos programando, pero para outubro temos xa unha sesión de gravación para o próximo álbum. Esperamos que vaia tan ben como este, porque queremos seguir evolucionando e traballando.

No Río Verbena actuades xusto despois de Vetusta Morla, iso imponvos?

A nós dános un pouco igual porque imos facer a nosa festa. Xa nos pasou a etapa dos nervios. Imos ao noso, a tratar de gozalo. Fainos ilusión por ir despois dunha banda referente da escena indie como é Vetusta Morla e antes duns colegas como Galician Army. É un escaparate de luxo para que nova xente nos coñeza.

Que se vai a atopar o público que vos vexa?

Van pasalo súper ben. Gústelles máis ou menos a música que facemos, fixo que van pasar un bo intre.