O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este xoves a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal: 'Unha inimiga do pobo'.
Tito Asorey dirixe a Talía Teatro con este texto de Henrik Ibsen que cento corenta anos despois de ser escrito segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política que antepón os beneficios económicos sobre a saúde da poboación.
A obra tamén permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interesa.
A vixencia do texto maniféstase ao descubrir como os problemas incipientes que o protagonista afrontaba no século XIX aínda se volveron máis profundos e nocivos na actualidade.
Coa vontade de aproximar aínda máis a peza, a Galicia actual serve de escenario para unha proposta onde a desinformación, o poder das redes sociais, a crise ecolóxica e a "depredación neoliberal" deseñan un contexto hostil no que as emocións humanas son sometidas á máxima presión.
'Unha inimiga do Pobo' conta a historia de Helena, unha prestixiosa doutora que regresa á vila natal para comezar de novo.
Embarazada de sete meses, afronta o seu estado coa ilusión posta nun novo proxecto profesional: o balneario que ela mesma deseñou e que se presenta como un alternativa turística sostible e saudable para a súa vila. A inesperada contaminación das augas da zona e a súa loita por preservar a saúde da poboación fronte aos intereses económicos van colocala no punto de mira da veciñanza, que ve como se pon en risco a prosperidade da comunidade.
Sobre o escenario deron vida a esta obra Marta Lado Dani Trillo, María Ordóñez, Toño Casais, Rubén Prieto, Marta Ríos, Diego Rey, Xurxo Barcala e Artur Trillo.