O teatro afeccionado pide paso na programación cultural de Pontevedra. Nace un novo ciclo, Teatro de Barrio, impulsado pola asociación Os Carballiños e composto por cinco espectáculos, que se poderán ver no Teatro Principal entre os días 13 e 17 de setembro.
Os grupos de teatro Salcedo Norte, Aula de Expresión, Lúa chea, Xenio e Ilusionistas son os encargados de levar a escena as diferentes pezas de creación propia ou adaptacións.
O edil de Cultura, Demetrio Gómez, destacou que todos son grupos de teatro locais "e está ben que poñamos todos os medios para que estas persoas que fan todo o necesario para que o teatro poida estar vivo en Pontevedra, teñan un espazo digno representar as súas obras".
Este ciclo bebe das xornadas de teatro afeccionado que había antiguamente na cidade, explicou o seu coordinador, Manuel Solla, das que fixeron co IES Valle-inclán sobre teatro en valores ou doutras actividades con quince colexios máis.
"Recolle todo o que se fixo antes con intención de ampliar máis, xa que cando empezamos hai moitísimos anos con estas mostras, á xente costáballe ir ao teatro profesional e o teatro afeccionado sería como revulsivo para que a xente se acostumara un pouco", subliñou Solla.
Os espectáculos de mércores a sábado, destinados a público adulto, terán lugar ás 21:00 horas no Teatro Principal. A representación do domingo 17, dirixida a público familiar, dará comezo ás sete da tarde.
As entradas xa están á venda a un prezo simbólico de 2 euros en Ataquilla.com e, de non esgotarse, unha hora antes de cada pase na billeteira do Principal.
CINCO OBRAS ESTREARÁN ESTE CICLO
Mércores 13 de setembro:Hoxe como noutrora, de Salcedo Norte.
Con temática social, fala de emigración partindo da adaptación de catro fragmentos da obra de Varela Buxán, todos eles relacionados coa emigración e outros aspectos da problemática social da Galicia da época que seguen vixentes na actualidade: a soidade, a precariedade, o despoboamento rural, o rexeitamento do propio.
Xoves 14 de setembro: Licor de ameixa, de Aula de Expresión.
Fala da muller e da liberdade, de mulleres presa pola presión familiar. É a historia dunha familia contada a través das súas mulleres, catro xeracións de mulleres, un xogo da memoria e do tempo, a historia da vella casa familiar da que todas as mulleres querían fuxir e liberarse.
Venres 15 de setembro: Por fin sós, de Lúa chea
Unha comedia acumulativa que fala da soidade das persoas maiores de xeito sutil e humorístico. Nela, unha parella está a punto de estrear o seu nidiño de amor. Despois de tanto tempo preparando e soñando, chegou o gran día para disfrutar dunha velada sós. “Como yo te amo nadie te amará", recordan. Sí pero.... chaman a porta.
Sábado 16 de setembro: Ladrón de corazóns, do Grupo Xenio
O grupo de teatro máis antigo de Pontevedra presenta a comedia que pechará as pezas destinadas a adultos. Nun edificio acontecen tres historias distintas. No 8A escoitan un ruido, no 5C alguén está moi nervioso porque está a piques de se declarar, e no 3B están preparando unha cea de amigos, pero nada é o que parece.
Domingo 17 de setembro:Non queremos perdices, de Ilusionistas
Versión moderna e actualizada da Cincenta, con cancións en directo, coreografías e unha escenografía moi especial. Todo aderezado con humor e diversión para disfrutar en familia.
Manuel Solla afirmou que "é unha mestura bastante interesante", donde hai para espectáculos para todos os gustos, polo que agarda que Pontevedra "reaccione e o disfrute e que se xeren sinerxias entre grupos", de xeito que estas compañías poidan medrar cada vez máis.