Teatro con conciencia para borrar os prexuízos sobre os mozos tutelados

Pontevedra
29 de outubro 2024
Actualizado: 12:55

Ao finalizar a obra, unha educadora social das vivendas tuteladas de Igaxes, mantivo unha charla cos nenos e nenas. Nela, reflexionou co público sobre os prexuízos da sociedade

Representación da obra "Soños" no auditorio de Afundación Mónica Patxot

Máis de seiscentos escolares de once colexios de Pontevedra e a súa comarca presenciaron a obra Soños, a primeira obra teatral galega que aborda a situación da mocidade tutelada dunha maneira integral.

Puidérona ver no auditorio de Afundación, dentro da programación de artes escénicas para escolares que organiza a entidade.

Soños, unha coprodución de Igaxes e as produtoras Artefeito e Culturactiva, está escrita por Fernando Epelde e dirixida por Tamara Canosa.

Os protagonistas son os actores Anxo Outumuro, Vitoria Pérez e Sara Ferro.

Trátase dun espectáculo divertido, ameno e sorprendente, pero tamén cunha gran forza social.

Unha ficción moi realista e con moito ritmo que nace do contacto directo do autor e directora coa mocidade tutelada, levando as súas experiencias ao escenario.

Así, sobre as táboas os espectadores puideron descubrir o contexto, as aspiracións e os medos que a miúdo teñen estes adolescentes.

Ao finalizar a obra, unha educadora social das vivendas tuteladas de Igaxes, mantivo unha charla cos nenos e nenas.

Nela, reflexionou co público sobre os prexuízos da sociedade, os estigmas inxustos que levan certos mozos sobre as súas costas e a importancia de darlles unha oportunidade antes de emitir un xuízo denigrante.