Iria Portabales asistía á súa clase habitual de plástica xunto ao resto do alumnado de terceiro e cuarto de primaria do CEIP Virxe do Rocío de Vigo cando a profesora, Ángela Novoa, lles comentou a existencia dun concurso chamado 'Búscase a Talento', no que participarían centros de toda a provincia.
Talento era o nome do personaxe que debían crear a partir duns modelos con diferentes cores e formas facilitados pola Deputación para representar "toda a creatividade, liberdade e gustos das crianzas lonxe dos roles de xénero e da violencia". Non había regras. Podíanse recortar, rachar, pegar, desordenar e volver a ordenar cada unha das pezas dese deseño ata plasmar a imaxe dunha criatura saída da imaxinación.
Entusiasmada por poder dar vida a un personaxe como os dos libros que tanto lle gusta ler, de acordo coas palabras da súa profesora, Iria púxose mans á obra. Deixou voar a súa creatividade mentres probaba combinacións variadas que a convenceran no seu colaxe ata dar co resultado final: por fin Talento se mostraba ante os seus ollos tal e como ela o visualizara na súa mente.
Iria sabía que un dos premios sería ver o seu personaxe como protagonista dun conto infantil. Un soño cumprido no que colaborarían unha escritora e unha ilustradora misteriosas para levalo a cabo. Xa se estaba imaxinando o seu Talento nas portadas de libros en todos os colexios, nas mans de centos de nenos e nenas.
A espera de dous meses ata a entrega dos premios fíxose eterna pero en ningún momento decaeron as ilusións. Sabía que tería moitos competidores moi creativos, pois escoitara que concursaban máis de 1.400 estudantes de 72 centros educativos. Máis de 1.400 versións de Talento optaban a ser, ademais, un personaxe literario e un referente para todos os escolares.
A mañá na que se espertou e viu no calendario que chegara a tan ansiada data, o mércores 23 de marzo, Iria levantouse cedo e chea de enerxía. Ese día non só sabería se o seu deseño era o vencedor, tamén gozaría dunha excursión á cidade de Pontevedra con todas as súas amizades e os seus familiares, que estarían aí para apoiala.
Achegábase a hora e ela non podía esperar máis para entrar ao grande edificio da Deputación, lugar onde se celebraría a gala final do concurso 'Búscase a Talento'. Cando logrou atravesar as portas da sala, que xa estaba abarrotada co estudantado doutros centros, quedou marabillada. Parecía un pazo moi elegante sustentado con columnas propias das historias antigas. Mesmo podería ser un lugar ideal para desenvolver a historia do seu Talento.
Carmela Silva, a presidenta provincial, afirmara que o acto tiña lugar no Salón de Plenos, o máis importante do edificio, porque "os nenos e nenas, mestres e mestras, tamén sodes o máis importante que temos". Todo axudaba para que Iria se sentise moi especial nesta xornada.
Tanto ela coma os seus acompañantes continuaron encantados ao ver en cada asento o agasallo dunha mochila con algúns útiles escolares. Dese xeito, todos levarían un recordo para a casa aínda que non foran seleccionados.
Iria observaba o evento desde a primeira fila. Había moitas cámaras para retratar as súas creacións, unha presentadora e dúas intérpretes traducindo todo a linguaxe de signos para facilitar a comprensión das persoas asistentes. Na gran pantalla situada no escenario, comezouse coa proxección dun vídeo narrado por crianzas explicando a campaña da Deputación provincial sobre a importancia dos xoguetes e xogos igualitarios, o principal motivo deste concurso.
MATEO E GORO, OS PRIMEIROS PREMIADOS
Deseguido comezaron a subir persoas a fin de entregar os dous accésits para o terceiro e segundo posto, que consistían en lotes de material educativo para a escola do neno vencedor. Os afortunados foron Mateo Vaquieira do CEIP de Portonovo e Goro Couso do CEIP A Pedra de Bueu.
Mateo mostrábase nervioso no escenario pero á vez orgulloso por ser o primeiro en ver o seu personaxe colgado da gaiola para desfrute da audiencia. Ademais, estar no escenario xunto ao seu profesor José Luis, que o describiu como "un neno cunha gran imaxinación" era en parte tranquilizador. Minutos despois, na gaiola tamén se exhibía o Talento de Goro, ambas criaturas moi dignas de ser expostas.
Impaciente polo anuncio do seguinte premio, o triunfador, Iria agardaba que continuasen co método de subir varias persoas para anunciar o nome vencedor. A sorpresa veu cando a escritora Ledicia Costas apareceu en pantalla. Ledicia era a autora de obras tan interesantes como a colección Os Minimortos ou A señorita Bubble, algúns dos títulos entre os tantos cos que Iria se deleitaba no seu hábito de lectura.
No instante en que Ledicia anunciou que ela escribiría o conto co Talento gañador como protagonista, a Iria deulle un chimpo o corazón. Máis palpitante foi a sensación cando escoitou á propia escritora pronunciar o seu nome como o da gañadora do primeiro premio do concurso 'Búscase a Talento': Iria Portabales, vencedora entre todos os deseños co seu Talento.
Os aplausos inminentes impediron entender a continuación do discurso de Ledicia, mais a Iria iso xa non lle importaba. Atopábase nunha nube mentres abrazaba á súa mestra e ambas se achegaban á recollida do premio. Grazas á súa imaxinación, o colexio Virxe do Rocío recibía unha nova actividade didáctica e un lote de material educativo igualitario.
O seu Talento colocouse ao lado dos de Mateo e Goro, presidindo os tres a estancia e o resto de vencedores uníronse a ela para unha foto conxunta. O verdadeiro talento representado nunha imaxe, esta vez sen recortes nin colaxes. Mateo, Goro e Iria foron alentados polo público presente mediante as pancartas co debuxo dos seus personaxes. Todos se puxeron en pé para mostrar en alto os deseños vencedores.
A alegría de Iria ao ver o seu Talento nas mans de tantas persoas só pode ser superada no momento en que presencie a súa creación nas portadas do libro escrito xunto a Ledicia Costas. O primeiro paso do percorrido deste Talento no mundo da ilustración e a literatura, dous dos numerosos ámbitos nos que pode involucrarse coa súa creatividade. Iria, coa sencillez propia da idade, ao recibir o premio só dixo "grazas".