'Spotlight' e 'Todos nos chamamos Alí', dobre sesión de cine na capital

Pontevedra
21 de outubro 2019

Pontevedra volve acoller este martes 22 unha dobre oferta para os cinéfilos da capital. Á habitual sesión do Cineclube de Pontevedra súmase o segundo pase do ciclo Voces Rotas, organizado por Afundación e no que se proxectan películas recentes que tratan sobre diferentes problemáticas sociais

Fotograma de 'Spotlight' Open Road Films

Pontevedra volve acoller este martes 22 unha dobre oferta para os cinéfilos da capital. Á habitual sesión do Cineclube de Pontevedra súmase o segundo pase do ciclo Voces Rotas, organizado por Afundación e no que se proxectan películas recentes que tratan sobre diferentes problemáticas sociais. 

Esta vez tócalle a vez a 'Spotlight', o laureado filme de Tom McCarthy que no 2016 fíxose co Oscar á mellor película e o mellor guion orixinal. Nela nárrase a historia real sobre a labor de investigación dun grupo de xornalistas do Boston Globe que destapou numerosos escándalos de pederastia agochados ó longo de décadas pola igrexa católica en Massachusetts.

É unha cinta que conta cun reparto estelar con Michael Keaton ó fronte e que tamén conseguiu nominacións ós premios da academia para Mark Ruffalo e Rachel McAdams. A proxección realizarase na sede de Afundación en Pontevedra ás 19.00 con entrada de balde ata completar o aforo. 

Pola súa parte o Cineclube de Pontevedra proxectará 'Todos chamámonos Ali', do director alemán Rainer Werner Fassbinder. Non abandonamos as problemáticas sociais, xa que nesta historia de prexuizos e diferenza de clases asistimos ao romance entre Ali, un inmigrante marroquí, e Emmi, unha viuva alemá. O seu amor xerará un rexeitamento unánime de todos os seus círculos, dende veciños e amigos ata a súa propia familia.

É unha das cintas máis celebradas dun dos principais representantes do novo cinema alemán e que lle valeu dous premios no Festival de Cannes en 1974. A proxección realizarase en versión orixinal con subtítulos e no lugar e horario habituais: ás 20.30 horas no Teatro Principal, cunha entrada de dous euros. 

Ficha
Título: Spotlight
Director: Tom McCarthy
Ano: 2015
País: Estados Unidos

Duración: 128 min.


Ficha
Título: Todos nos chamamos Alí (​ Angst essen Seele auf)

Director: Rainer Werner Fassbinder
Ano: 1974
País: Alemaña

Duración: 93 min.
 
Versión Orixinal: Alemán