Skindred, La Pegatina, Riot Propaganda ou Bohemian Betyars estarán no Revenidas 2017

O Salnés
01 de agosto 2017

O festival Revenidas ocupará a axenda cultural de Vilaxoán durante os días 18, 19 e 20 de agosto con máis de 25 concertos e actividades de balde pensadas para todas as idades

Presentación do festival Revenidas 2017 Deputación de Pontevedra

O festival Revenidas ocupará a axenda cultural de Vilaxoán durante os días 18, 19 e 20 de agosto con máis de 25 concertos e actividades de balde pensadas para todas as idades. Entre os grupos que actuarán en Vilagarcía de Arousa destacan algúns como La Pegatina, Riot Propaganda, Terbutalina, Skindred ou Bohemian Betyars.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil presentou este martes en Vilaxoán unha nova edición dun dos #RíasBaixasFest que durante este verán están dando a nota musical á provincia de Pontevedra.

No acto, Carmela Silva aproveitou para felicitar aos organizadores polo "forte compromiso solidario que ten este festival" que este ano lanza a mensaxe de que os refuxiados son benvidos.

O Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, converteuse nunha referencia en Galicia pola súa aposta pola música feita en galego e pola súa combinación coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente.

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, agradeceulle á Deputación de Pontevedra o seu traballo por "conseguir enmarcar tódolos festivais das Rías Baixas baixo un mesmo paraugas". Tamén aproveitou o acto de inauguración para "felicitar aos tolos que conseguiron facer dunha festa tradicional un festival de referencia no calendario musical do país".

No "Festival das Línguas" poderanse escoitar cancións en galego, castelán, catalán, euscara, inglés ou húngaro e de estilos tan diversos como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou electrónica. 

A presenza de grupos como Bolboreta, De Vacas, Pupil.es ou Voodoo, catro bandas lideradas por mulleres, amosan a importancia da igualdade neste festival, algo do que se sinte moi orgullosa Carmela Silva. 

O festival Revenidas 2017 contará con dous escenarios nun recinto pechado para os concertos de pago, ademáis conta cun amplo espazo de acceso libre no entorno do porto. No parque Dona Concha, no porto de Vilaxoán, terá lugar a meirande parte das actividades de balde para todos os públicos. Destacan entre elas a Sardiñada Popular, as propostas Estrelas Michelín e a gala solidaria, xunto con diferentes obradoiros e pasarrúas.

As entradas, que teñen un prezo de 35 euros (45 euros no despacho de billetes) polo bono dos tres días, pódense adquirir a través da páxina web do Festival e en puntos de venta físicos das catro provincias galegas. Amais, pódense mercar entradas para un só día por 20 euros (25 euros na taquilla).