PODCAST. Sinapse Local Concept, o proxecto do Dj Kamitek que conta co respaldo do Local de Música

Pontevedra
02 de decembro 2024

Martín Camiña é un mozo pontevedrés que empezou a desenvolver a súa vocación como Dj de música electrónica. Explica no podcast 'Cara a cara' en que consiste este proxecto persoal

Martín Camiña, Kamitek PontevedraViva

Martín Camiña, alias Kamitek, é pontevedrés. Vive do seu traballo, empregado na empresa privada. Pero vive vocacionalmente como Dj. Os seus primeiros contactos coa música foron, segundo explica no podcast 'Cara a cara', coa batería que lle regalaron os seus pais durante a infancia.

Pasa o tempo e chegada a primeira mocidade entrou a forma parte de grupos punk e heavy metal da escena local, ata que se topou coa música electrónica.

Logrou facer o seu debut como Dj en Pontevedra, e co tempo pasou por locais de tres das catro provincias galegas e por algunhas do resto da península, incluída algunha sala de Portugal.

O seu pau non está na electrónica máis comercial, a que chea grandes festivais ou discotecas. O seu é a electrónica máis underground, o hardtechno, e tamén as raves.

Afirma que tanto os que están diante das mesas de mesturas como aqueles que viven como el este estilo, son multitude, pero que non se lles ve. Fala de Galicia cando fai esa aseveración.

Por ese motivo, para conseguir visibilidade quere sacar adiante un proxecto que xa ten nome: Sinapse Local Concept.

Conseguiu o apoio do Local de Música de Pontevedra. Facilítanlle as instalacións e préstanlle asesoramento sobre os pasos a seguir.

A súa iniciativa ten tres accións fundamentais: gravar entrevistas con Dj's, sexan máis ou menos coñecidos. Gravar sesións, vídeo sets, con eles e finalmente desenvolver eventos para que vaian collendo táboas e promocionarse ao mesmo tempo. De feito este pasado novembro xa celebración a primeira delas.