Sete mulleres "invisibles" que rompen o silencio da violencia machista

Pontevedra
21 de novembro 2017

Sete historias reais de malos tratos coas que "visibilizar" ás vítimas da violencia machista e a "onda expansiva" que estes episodios provocan ao seu ao redor. É o fío condutor de Invisibles, o terceiro libro de Montse Fajardo, que se presentará este mércores 22 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Principal

Presentación no Concello do libro "Invisibles" de Montse Fajardo PontevedraViva

Sete historias reais de malos tratos coas que "visibilizar" ás vítimas da violencia machista e a "onda expansiva" que estes episodios provocan ao seu ao redor. É o fío condutor de Invisibles, o terceiro libro da xornalista Montse Fajardo, que se presentará este mércores 22 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.

Eva, Mariluz,  Tina, Ana, Irene, Marga e Begoña son, ao seu pesar, as sete valentes protagonistas deste libro, mulleres que sufriron violencia física, verbal ou emocional a mans das súas parellas. Coas súas historias, que chegaron a Montse Fajardo a través dos CIM da provincia, buscan concienciar á sociedade de que "non se pode mirar cara outro lado". 

Pero o libro pon ademais un "foco especial", segundo a súa autora, nos fillos destas mulleres, que tamén sufriron diariamente o inferno da violencia machista e que deberon emprender un auténtico " viaxe ao terror" ao ter que pasar tempo ou convivir cuns pais que son maltratadores.

Carmen  Fouces explicou que a presentación do libro Invisibles é o "acto central" da campaña do  Concello de Pontevedra para conmemorar o 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero. Un ano máis, destacou, optouse por unha campaña que non sexa "superficial" e que incite ao debate social.

Así, a edil de Igualdade celebra que este libro sirva para "visibilizar o que está oculto" e mostre que "non hai un patrón" que una a todas as mulleres e nenos que viven o inferno da violencia machista, máis aló de ter "mala sorte" e que un maltratador se cruce na túa vida.

Neste sentido, para Fouces "chegou a hora" de que a sociedade "poña o foco sobre os agresores e non sobre as vítimas", e reflexione sobre a comprensión social que xustifica esta violencia ou a actitude das persoas que rodean ás vítimas e, de forma especial, daquelas que se posicionan á beira dos maltratadores.

Estas actitudes, engadiu, son o "núcleo duro" da "crueldade humana", un comportamento que acaba trasladándose a outros ámbitos sociais, económicos ou políticos. "É o ovo da serpe no que se está criar a sociedade", dixo.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra destacou que este libro permite "botar luz" sobre o sufrimento de moitas mulleres, vítimas da violencia machista e da problemática que xera ao seu arredor. Miguel Anxo Fernández Lores entende que "se non somos conscientes" desta lacra social "malamente poderemos  poñerlle solución".

Fernández Lores lamenta que se a xente non ten relación directa coas vítimas "parece que o asunto pasa desapercibido", polo que animou aos pontevedreses a descubrir a historia das sete protagonistas do libro, para "romper con esta lacra social" e avanzar na construción dunha sociedade "máis  xusta, democrática e igualitaria".

Invisibles será presentado no Teatro Principal de Pontevedra nun acto contará coa música de  Guadi  Galego e Eladio Santos.

Montse Fajardo pediu os asistentes que acudan vestidos con roupa branca. Será, por unha banda, para simbolizar que "calquera de nós" pode ser vítima da violencia machista e, por outro, para arroupar ás mulleres que xa o foron e que, con moita valentía, decidiron contar a súa historia neste libro.

A partir do 23 de novembro, Invisibles poderá adquirirse nas librarías de Pontevedra. Ademais, o Concello enviará un exemplar a todos os colexios e centros sociais do municipio.