Sés, María Xosé Silvar (A Coruña, 1982) é un bulebule creativo e interpretativo e así puido comprobalo o público que este domingo ateigaba a contorna da praza da Ferrería para presenciar o último concerto do ciclo 'Con voz de muller', dentro das Festas de Verán.
Durante o recital, a rockeira con voz galega máis representativa dos últimos anos presentou os temas do seu último traballo, que leva por título 'Diante un Eco', no que ofrece unha escolma de diferentes estilos e influencias musicais.
A cantante, sempre reivindicativa, explicou ao público que "hai que posicionarse" e amosouse favorable á sanidade e á educación públicas. Tamén declarou ante os espectadores que non se avergoñaba de ser unha señora con canas e engurras.
Sobre o escenario a artista fixo tamén un repaso dos seus grandes éxitos dos anteriores sete álbums, desde o seu debut en 2011 con 'Admirando a condición' ata o recoñecido 'Liberar as arterias', publicado en 2020.
Neste mes de agosto, Sés só ofrece tres concertos dentro da súa xira, ademais do de Pontevedra actuará o 25 de agosto en Ribeira e o sábado 26 de agosto en Vilagarcía de Arousa. O 15 de setembro tocará no Canteira Fest en Vilaboa.