Seres indóMITOs: Antón Sobral

Pontevedra
30 de xuño 2024

Antón Sobral, orgulloso pontevedrés adoptivo, atopou na nosa cidade o seu fogar ideal, un lugar que describe cun agarimo poético e visceral e no que deixa a pegada indeleble que só un mestre da expresión pode deixar alá por onde pasa

Isaac Xubín e Antón Sobral, nun acto do Ateneo de Pontevedra Ateneo de Pontevedra - Arquivo

O noso protagonista de hoxe é moito máis que un artista; é unha figura emblemática no panorama cultural internacional, un fervente defensor da nosa cultura cuxo talento polifacético, unido a unha dedicación incansable á posta en valor da cultura, converteuno nun referente para moitas persoas, entre as cales me inclúo.

Antón Sobral, orgulloso pontevedrés adoptivo, atopou na nosa cidade o seu fogar ideal, un lugar que describe cun agarimo poético e visceral e no que deixa a pegada indeleble que só un mestre da expresión pode deixar alá por onde pasa.

 

- Antón, dime unha pregunta que non sexa do teu agrado.

Creo que todas as preguntas son interesantes

- Quen é Antón Sobral?

Un artista multidisciplinar. Un activista cultural que loita pola cultura galega. Unha persoa que viviu moito.

- De Pontevedra de sempre?

De Marín, pero escollín Pontevedra para residir.

- Cando a pintura pasou a ser algo máis que un hobby?

Desde moi novo. Tan novo que con ela paguei a miña carreira. 

- Quen foi a primeira persoa en dicirche que tiñas futuro nisto?

Foi Ángel Eguren, un cura paúl que cando tiña catorce anos animoume moito.

- O oficio de artista está tan recoñecido como outros? Séguese vendo como unha afección?

Se, é recoñecido nunha elite intelectual. A arte é unha forma de vivir. Tamén como afección é interesante. É unha forma de coñecemento da realidade

- Pódese vivir de ser artista? 

Si, pero eu preferín vivir da miña profesión, de gozar dando clases e crear o que me gusta.

- Que consellos darías aos que están a empezar?

Que fagan o que lles guste. Que sexan libres e auténticos.

- Como explicarías a diferenza entre prezo e valor na a arte?

A arte ten unha misión que cumprir. Non é cuestión de diñeiro. Para o espectador é un pracer, un goce. 

- Apóiase aos novos talentos? 

Si. Aínda que sempre se pode mellorar. Os da miña idade non tivemos tanta sorte. 

- Dime un artista que creas que non tivo suficiente recoñecemento.

Carmen Hermo.

- Unha canción que che emocione?

"A beleza" de L.E. Aute.

-Se puideses ser por un día un personaxe histórico, quen serías e que farías?

T.D. Thoreau. Retirarme un tempo á súa cabana.

- Un capricho que fagas con gusto?

Pasear pola praia mollándome os pés

- E para terminar, a quen che gustaría ver nesta sección?

A Xaime Toxo, presidente do Ateneo.

Para Antón, Pontevedra sabe a pan con pasas, cheira a castañas, é de cor azul e soa a poesía e música. Definitivamente, Antón Sobral sente Pontevedra.

 

O CUESTIONARIO

− Nunca saio de casa sen… a miña gorra de mariñeiro en terra.

− Na miña neveira sempre hai… marmelada de cabaza.

− No meu armario destacan… camisas cómodas.

− A idade é… experiencia.

− Sempre fun o ollo dereito de… ninguén.

− Pontevedra ten alma de… cidade renacentista.

− Creo en… as persoas que respectan aos demais.

− O ano que marcou a miña vida foi… 2020.

− O mellor regalo que me poden facer é… un bo libro.

− O meu lugar no mundo é… loitar pola democracia ameazada.

− Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… onde poida ver o mar.

− O meu momento favorito do día é…gozar do amencer.

− Pontevedra… é a cidade vella, unha cidade cultural, unha cidade para fluír…