Seleccionadas 15 das 29 obras presentadas para a Exposición Novos Valores 2021

Pontevedra
07 de xuño 2021

Nesta edición reduciuse á metade o número de pezas aceptadas para garantir o nivel de anos anteriores. A exposición no Museo de Pontevedra vai desenvolverse entre o 8 de xullo e o 12 de setembro

Xuntanza do xurado de Novos Valores 2021 Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

Durante a mañá deste luns, o xurado do certame Novos Valores 2021 reuníase e deixaba pasar á seguinte fase da convocatoria a 15 das 29 obras que se presentaban a esta edición.

Estes serán os traballos que se poderán ver na exposición que se inaugurará o 8 de xullo no Museo de Pontevedra e concluirá o 12 de setembro.

Xosé Manuel Rey, director do Museo, indicou que foron necesarias máis de dúas horas de reunión e debateuse rebaixar o número de obras  seleccionables prevista inicialmente para manter a calidade de anos anteriores.

Na reunión prevista para principios de xullo, este tribunal analizará as pezas dos 15 artistas cando xa se atopen montadas nas salas do Museo e entre elas escollerán aquelas que consideren merecedoras das bolsas de 7.500 euros que outorga a Deputación de Pontevedra.

Nesta ocasión, só se presentaron 29 traballos, a cifra máis baixa de toda a última década. Segundo a organización, as restricións na idade e os novos requisitos das bases provocaron esta diminución de aspirantes. 

A categoría onde se presentaron máis traballos foi pintura, con oito obras; seguida pola de técnicas diversas e mixtas, con sete; mentres que en vídeoinstalación presentáronse cinco; fotografía (4), escultura (2), e en gráfica, debuxo e gravado, unha obra en cada unha delas.

O xurado está formado, ademais do director do Museo; pola profesora asociada na Facultade de Belas Artes María Covadonga Barreiro; Itziar Ezquieta, artista plástica e tamén profesora asociada en Ciencias da Educación e do Deporte; Carmen Hermo, artista e profesora asociada de Belas Artes; Pilar Corredoira, historiadora de Arte Contemporánea e comisaria de exposicións; e Javier Pérez  Buján, director artístico da Fundación Laxeiro.