San Martiño conmemora o Día das Letras Galegas cos dous concertos na 'Casa verde' de Salcedo

Pontevedra
16 de maio 2022

O gaiteiro Andrés Lorenzo acompañará á Banda de Música de Salcedo nunha peza do repertorio durante o evento que terá lugar o 17 de maio ás 12 da mañá

Banda de Música de Salcedo Asociación Músico-Cultural San Martiño de Salcedo

A Asociación Músico Cultural San Martiño conmemorará o Día das Letras Galegas coa celebración de dous concertos, o vindeiro martes 17 de maio.

O primeiro será ás 12 horas na "Casa Verde" e terá como protagonista á Banda de Música de Salcedo que, nunha das súas pezas do repertorio contará coa colaboración do gaiteiro fornelense Andrés Lorenzo Castro.

Pola tarde, ás 18:30 horas, continuará a conmemoración deste día sinalado cun concerto coral no que participarán a Coral Polifónica de Salcedo, como anfitriona, xunto á de Noia, o Coro Samertolameu de Moaña e a agrupación Amigos da Farra.

Con estes actos, a Asociación Músico Cultural San Martiño quere homenaxear, como cada ano, ás nosas letras e con elas ao autor Florencio Delgado Gurriarán, exiliado en América, colaborador de Castelao, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas e poeta escollido pola Real Academia Galega como merecedor desta homenaxe.

 

Arquivado en