Sábado de público multitudinario e actividade frenética en Culturgal

Pontevedra
01 de decembro 2019

Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Mabel Rivera, Dios Ke Te Crew, Guadi Galego, Ledicia Costas, El Hematocrítico, Tanxugueiras ou Os Bolechas son algúns dos nomes da cultura galega que participaron nas iniciativas da Feira das Industrias Culturais e contribuíron a que a xornada resultase exitosa

Sábado en Culturgal 2019
Sábado en Culturgal 2019 / Diego Torrado

A segunda xornada de Culturgal 2019 foi este sábado frenética en canto a actividade e multitudinaria no que se refire á asistencia de público. Manuel Rivas, Miguelanxo Prado, Mabel Rivera, Dios Ke Te Crew, Guadi Galego, Ledicia Costas, El Hematocrítico, Tanxugueiras ou Os Bolechas son algúns dos nomes da cultura galega que participaron nas iniciativas da Feira das Industrias Culturais e contribuíron a que a xornada resultase exitosa.

Tal e como adoita ser habitual, este sábado a feira deu moito protagonismo ao público familiar, con máis de vinte actividades programadas durante o día para os máis pequenos da casa, pero houbo actividades para todos os públicos, con presentacións de libros, concertos, performances en arte contemporánea, a preestrea da película Eroski Paraiso coa presenza dos protagonistas Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo e o espectáculo especial de Marful con Sabela de Operación Triunfo.

A divulgación da ciencia, como ven sendo habitual na Feira, ocupou aos máis pequenos durante a mañá. DivulgAcción e a Unidade Científica do CSIC Galicia están detrás dos talleres e demostracións para as familias e o CSIC Galicia, ademais, este ano trouxo a Culturgal a campaña de recollida de dentes do Ratiño Pérez.

Non falaron a visita dos populares Bolechas, houbo moito interese dos asistentes pola área de videoxogos e o recinto viviu acontecementos destacados como a presentación do número cero do novo xornal Nós Diario, amadriñado por Guadi Galego.

Foron moitos os nomes propios da xornada. A actriz Mabel Rivera participou na presentación da película María Soliña de Ignacio Vilar, Miguelanxo Prado presentou o seu novo album de banda deseñada 'Amani', Manolo Rivas chegou á Feira para presentar a Fundación Luzes e Ledicia Costas e El Hematrocrítco conversaron sobre o humor na literatura infantil.

Na carpa, dous grandes momentos da xornada foron a presentación do disco Contrapunto de Tanxugueiras e o concerto do grupo de hip hop máis popular en Galicia: Dios Ke Te Crew. Ambos showcases colgaron o cartel de aforo completo.

Ademais, Beatriz Maceda, gañadora do II Premio María Victoria Moreno co libro Ardora, presentou a publicación en Culturgal da man do Concello de Pontevedra. A concelleira de Cultura, Carme Fouces, apuntou ao compromiso municipal coa cultura, que "queda patente na súa programación habitual, e en grandes eventos coma o Culturgal ou o Salón do Libro, un dos proxectos sobre literatura infantil e xuvenil máis importantes do país".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tamén presentou na feira a V edición de 'Mulleres en acción. Violencia Zero', que este ano ten como lema 'Sementa Igualdade + Cultiva Cultura = Recolle Cambio', e o ensaio histórico 'María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas baixo a sombra dun castelo', do historiador pontevedrés Diego Piay e editado por Alvarellos en colaboración coa institución provincial.    

Para a xornada final, este domingo 1 de decembro, a Feira ten programadas moitas actividades e sorpresas para todos os públicos. Ademais da participación de Oliver Laxe, que trae á Feira na tarde dominical a súa exitosa película 'O que arde', tamén están na programación o espectáculo familiar Lambetadas de Talía Teatro, obradoiros de danza, ciencia, ilustración, animais fantásticos, robótica e contacontos para os máis pequenos, a entrega do Premio do Público Culturgal 2019 ao Festival dos Eidos do Courel ou as propostas musicais de Oima, A banda da Loba ou Lulavai, o singular proxecto de catro arpistas.