Rozalén, Beret e Iván Ferreiro actuarán nas Festas da Peregrina

Pontevedra
18 de xuño 2019

En apenas dous meses, Pontevedra estará de cheo na semana grande das súas festas. E, como todos os anos, o cartel de concertos será un dos seus maiores atractivos. A este respecto, segundo puido saber PontevedraViva, tres destas actuacións estarán protagonizadas por Rozalén, Iván Ferreiro e Beret

Rozalén, Iván Ferreiro e Beret PontevedraViva

En apenas dous meses, Pontevedra estará de cheo na semana grande das súas festas. E, como todos os anos, o cartel de concertos será un dos seus maiores atractivos.

A este respecto, segundo puido saber PontevedraViva, tres destas actuacións estarán protagonizadas por Rozalén, Iván Ferreiro e Beret.

Rozalén subirá ao escenario da Praza de España o martes 13 de agosto. A albaceteña é unha das artistas femininas máis reclamadas do panorama musical. Chegará a Pontevedra dentro dunha xira chamada "Cuando el río suena", na que actualmente está a presentar un disco polos seus grandes éxitos.

Cancións tan populares como Comiéndote a besos, La puerta violeta, Será mejor ou Girasoles soarán no seu concerto de Pontevedra que, como o resto da oferta musical das Festas da Peregrina, será de entrada gratuíta.

Iván Ferreiro, artista imprescindible en festivais e concertos por toda a xeografía nacional, será outra das grandes apostas deste ano. Actuará en Pontevedra o venres 16 de agosto.

No seu caso, presentará en directo os seus dous últimos discos, Casa e Cena recalentada, este último unha homenaxe á mítica banda Golpes bajos; pero seguro que haberá tempo para que interprete algúns dos grandes éxitos da súa prolífica carreira.

O terceiro nome que adianta PontevedraViva é o de Beret. Este sevillano, referente dunha música urbana que se move entre o hip hop, rap e reggae, é actualmente un dos artistas de maior progresión da música española e conta cunha ampla lexión de fans. O seu concerto será o sábado 17 de agosto.

Te echo de menos, Ojalá, Vuelve e Lo siento son catro dos seus últimos éxitos musicais, temas que acumulan varios discos de ouro e platino polas súas cuantiosas vendas e que o público pontevedrés poderá escoitar en directo.

O programa completo das Festas da Peregrina, que se integran nas coñecidas como Festas de Verán, desvelarase oficialmente nos próximos días.