Rosa Cedrón amaina a chuvia para pechar os concertos das Festas da Peregrina

Pontevedra
17 de agosto 2020

Os concertos da Semana Grande das Festas remataban este domingo coas actuacións da artista monfortina na praza de España e coa de Os Carunchos na praza da Ferrería. O Concello de Pontevedra decidía suspender o da banda The Lakazáns, previsto nas Pistas de Campolongo, dúas horas antes da súa celebración, pola incerteza meteorolóxica

Concerto de Os Carunchos Cristina Saiz

Rosa Cedrón fixo fronte á choiva na noite deste domingo 16 subíndose ao escenario da Praza de España e ofrecer unha actuación que poñía o colofón ás Festas da Peregrina 2020, que estiveron marcadas pola pandemia da Covid-19.

Ao redor dun centenar de persoas seguiron o concerto da artista lucense desde as cadeiras instaladas no recinto nunha noite desapracible na que o goberno local, como adoita suceder neste tipo de casos, decidía manter os actos festivos na rúa a pesar das inclemencias do tempo meteorolóxico.

Rosa Cedrón realizou un repaso do mellor do seu repertorio co seu estilo persoal e a liña musical de world music, que vén mantendo desde o seu álbum 'Nada que perder', editado no ano 2016.

Tamén na praza da Ferrería, a agrupación de música tradicional Os Carunchos ofrecía un concerto ateigado de composicións festivas seguidas por escaso público que, en varias ocasións, tivo que facer uso do paraugas durante o transcurso da actuación.

O Concello de Pontevedra decidía, en cambio, suspender a actuación da banda The Lakazáns prevista nas Pistas de Campolongo. Dúas horas antes do concerto comunicábase por redes sociais a cancelación do evento debido á presenza da choiva. Tamén se suspenderon as actividades infantís previstas para a tarde na Alameda e na praza de Amalia Álvarez.

Arquivado en