Rivas Fontán fai memoria da súa vida persoal e política co xornalista Adrián Rodríguez

Pontevedra
11 de maio 2016

José Rivas Fontán é, sen dúbida, un dos políticos imprescindibles para entender tanto a historia recente de Pontevedra como a transición política do noso país. E agora, publicou as súas memorias, onde o pontevedrés, alcalde da cidade entre os anos 1979 e 1991 e deputado no Congreso antes e despois desas datas, leva a cabo un exercicio de sinceridade abafadora

Portada do libro "Solo Rivas Fontán. Memorias de un político lejos del rebaño", de Adrián Rodríguez Alvarellos Editora

José Rivas Fontán é, sen dúbida, un dos políticos imprescindibles para entender tanto a historia recente de Pontevedra como a transición política do noso país. E agora, publicou as súas memorias, onde o pontevedrés, alcalde da cidade entre os anos 1979 e 1991 e deputado no Congreso antes e despois desas datas, leva a cabo un exercicio de sinceridade abafadora.

Faino no libro Solo Rivas Fontán. Memorias de un político lejos del rebaño, escrito polo xornalista Adrián Rodríguez, que nas súas 350 páxinas debulla a súa traxectoria vital e política. Desde esta semana xa está á venda nas librerías galegas e a través da tenda online da editorial Alvarellos. A finais deste mes estará dispoñible en toda España.

O libro conta cun prólogo do tamén xornalista Manuel Jabois, quen o cualifica como "un thriller que se le dun grolo", e presentarase oficialmente en Pontevedra o vindeiro luns día 23 de maio, a partir das oito e media da tarde, no Teatro Principal.

En Solo Rivas Fontán. Memorias de un político lejos del rebaño, Adrián Rodríguez preséntanos unha crónica vital chea de talento narrativo, ritmo constante, reveladores diálogos e poderosas anécdotas.

O libro complétase cunha selección de medio centenar de imaxes que resumen o máis visual da traxectoria política de Rivas Fontán e un índice onomástico con preto de 400 referencias.

A través destas memorias, os lectores non só descubrirán ao primeiro alcalde democrático de Pontevedra, ao líder sindical do movemento de mestres que acabou como deputado constituínte nas filas da UCD de Adolfo Suárez ou ao primeiro secretario xeral da Xunta de Galicia, senón que tamén poderán coñecer a eses homes e mulleres cos que se cruzou ao longo de todos eses anos de dedicación política.

Así, Rivas Fontán narra o seu enfrontamento co xuíz Luciano Varela, as súas conversacións con políticos da talla de Adolfo Suárez, Mariano Rajoy, Manuel Fraga ou Xosé Cuíña, cos que compartiu confidencias e historias que sorprenderán a máis dun, ou os motivos polos que abandonou o PP dando unha portada e enfrontado con máis dun compañeiro do partido.

Pero sobre todo, os lectores verán no libro a Pepiño da Gándara, aquel neno de Verducido, a ese pai de familia que asistía impotente ao seu desfile xudicial no telexornal das tres, ao alcalde que plantou cara a propios e estraños ou ao ser humano que chegou a notar unha erosión interior descomunal e imparable.