Retallos de mundo: Nantes, tras da pegada de Jules Verne

Poio
03 de marzo 2024

De todos os lugares que visitei que estivesen dalgún xeito asociados ás vidas ou ás obras de diferentes autores, a Praga de Franz Kafka, o Berlín de Bertolt Brecht, o Dublín de James Joyce e un longo etcétera, coido que ningún foi quen de superar á cidade de Nantes, a vila de nacemento de Jules Verne, pola súa capacidade para se inspirar na obra do escritor a prol de mellorar as súas paisaxes urbanas

Le Grand Éléphant Xesús Constela

De todos os lugares que visitei que estivesen dalgún xeito asociados ás vidas ou ás obras de diferentes autores, a Praga de Franz Kafka, o Berlín de Bertolt Brecht, o Dublín de James Joyce e un longo etcétera, coido que ningún foi quen de superar á cidade de Nantes, a vila de nacemento de Jules Verne, pola súa capacidade para se inspirar na obra do escritor a prol de mellorar as súas paisaxes urbanas.

Antiga capital da Bretaña, situada no punto de confluencia dos ríos Erdre e Sèvre, á entrada do esteiro do Loira, Nantes viviu, entre outras cousas, dunha poderosa industria naval até que, aló polo ano 1989, o peche definitivo do seu derradeiro estaleiro provocou que a cidade entrase en declive e tivese que procurar o xeito de volver inventarse, e un dos froitos desa procura, quizais o máis singular, foi aprender a tirar proveito do impoñente caudal imaxinativo do seu máis insigne escritor para convidar ao visitante a se mergullar nos mundos fantásticos que con tanta habilidade soubo describir en novelas como Vinte mil leguas baixo dos mares, A illa misteriosa ou A volta ao mundo en oitenta días, que a min, persoalmente, souberon agasallarme con fascinantes horas de lectura que me permitiron emprender grandes viaxes coa imaxinación.

Non din coas pegadas de Jules Verne no fastoso castelo do século XV que serviu de residencia aos Duques de Bretaña e na actualidade acolle un máis que interesante museo que ilustra a historia local, nin na catedral de Saint-Pierre-et-Saint-Paul, cuxa construción se iniciou en 1434, pero non foi inaugurada até 1891, máis de catrocentos anos despois, e tampouco vin nada que me lembrase a Verne no Passage Pommeraye, unha galería comercial de tres andares con corredores coroados por unha cristaleira e belamente decorados con estatuas que son un símbolo perfecto da riqueza da cidade no século XIX, nin atopei rastro ningún no Teatro Graslin, nin en Le Lieu Unique, un interesantísimo centro para a promoción da arte contemporánea que ocupa o antigo edificio de 1909 onde se fabricaban as galletas LU, un dos emblemas do patrimonio industrial da cidade.

Dirixín entón os meus pasos ao barrio que se ergue nun lugar coñecido como Île Feydeau, con suntuosas casas do século XVIII edificadas no que en tempos foi unha illa no río Loira, e alí, na súa arteria principal, a rúa Kervégan, que transcorre paralela aos edificios erguidos sobre os antigos peiraosdo Quai Turenne, foi onde descubrín a primeira pegada do paso de Jules Verne pola cidade: a casa onde naceu o día 8 de febreiro de 1828, segundo reza a placa da fachada, no seo dunha familia que se podía permitir o luxo de vivir na Île Feydeau, que era o lugar de residencia dun selecto grupo de persoas que levaban vidas moi opulentas grazas a un lucrativo negocio que estivo moi en voga na cidade ao longo de moitos anos e supuxo unha das súas meirandes fontes de riqueza: o tráfico de milleiros de escravos que eran transportados en barcos que recalaban no porto procedentes de Guinea con diferentes destinos en América.

Foi un comercio de tal magnitude que se calcula que por Nantes pasaron polo menos catrocentas cincuenta mil persoas escravizadas ás que na actualidade se lles rende unha merecida homenaxe no Memorial da Abolición da Escravitude do Quai de La Fosse, á beira do río Loira, cunha estrutura de formigón deseñada para lle dar ao visitante a sensación de viaxar nun barco con pequenos furados na parede que permiten a tímida entrada de raiolas de sol para evocar as terríbeis condicións en que os escravos eran transportados.

Intentei non pensar neste detalle, que en absoluto me pareceu menor, e dediquei unha boa chea de tempo a camiñar polas rúas da Île Feydeau para me deixar sorprender polos seus edificios inclinados cara adiante, e non precisamente como froito dun efecto óptico, senón porque foron levantados sobre un solo de area e comezaron a se afundir arredor de cen anos despois da súa construción.

Decidín entón dirixirme ao Museo de Jules Verne, instalado nunha casa do século XIX cunhas magníficas vistas do Loira na que o escritor nunca viviu pero, segundo conta Julian Gracq no seu libro La forme d’une ville, debeu de vir moitas veces para mirar o río desde o alto, aquí onde se converte na porta do mar aberto e no camiño da aventura,” e por iso na actualidade se instalou unha fermosa estatua nunha praza anexa, na que un Verne aínda meniño, sentado nun banco, observa con atención ao Capitán Nemo a esculcar o horizonte.

No Museo botei un bo anaco a me mergullar na obra do escritor entre manuscritos, libros, documentos, carteis e moitos outros obxectos que homenaxean ao home que dixo que escribir era "a única fonte de verdadeira felicidade."

Pero a gran sorpresa que a cidade me tiña reservada estaba na outra beira do río, naÎle de Nantes, que noutrora foi unha zona industrial e na actualidade se transformou nun lugar de atraccións únicas inspiradas na literatura de Verne grazas a un fascinante proxecto nacido das mans de dous arquitectos que decidiron darlle un ambiente de realidade misteriosa á antiga illa onde estaban os estaleiros.

Alí descubrín o Carrusel dos mundos mariños, unha singular estrutura circular de tres andares directamente inspirados no mundo descrito en Vinte mil leguas baixo dos mares, poboado por singulares criaturas mecánicas que se moven arredor dun eixo central e describen o mar nas súas múltiples facetas, dende os fondos abisais até a superficie da auga, medusas, caranguexos e calamares xigantes, un peixe cofre, e outro pirata, e outro lanterna, e toda unha chea de naves con formas de carruaxes mariños nas que me montei para gozar coma un meniño porque abofé que o ambiente convidaba a facelo.

Á saída vinme sorprendido pola presenza na rúa do coñecido como Grand Éléphant, un xigantesco elefante mecánico de doce metros de altura inspirado no construído polo enxeñeiro Banks na novela A casa de vapor, a se mover maxestoso con cincuenta persoas subidas no seu lombo mentres cuspía auga pola trompa, e fiquei absolutamente abraiado porque me resultou fascinante ver como funcionaban todas as súas engrenaxes, capaces non só de facelo avanzar, senón tamén de moverlle os ollos, a cola, as orellas e as patas coma se dun animal de verdade se tratase.

Pero aínda agardaba por min unha terceira sorpresa nestaÎle de Nantes: a Galerie des Machines, un enorme obradoiro aberto no que foi a nave dun estaleiro para probar todo un bestiario de máquinas que representan insectos e outros animais de diversos tamaños que van formar parte dun fermoso proxecto chamado Arbre aux Hérons, unha xigantesca árbore de trinta e cinco metros de altura que no cumio terá unha familia de garzas mecánicas que voarán a corenta e dous metros sobre o chan, unha estrutura que vai ser única no mundo e se espera que sexa inaugurada no ano 2027 no que foi unha antiga canteira de granito que está a poucos metros do Jardin extraordinaire, inspirado nas paisaxes de A illa misteriosa, que nos presenta unha natureza chea de rochas enormes, máis de duascentas variedades de plantas tropicais de impresionantes floracións e auga que forma grandes lagoas e espectaculares fervenzas, unha delas a caer dende unha altura de vinte e cinco metros, un lugar perfecto para deixar voar a imaxinación ao seu antollo.

Despois dun gratísimo paseo polos sendeiros deste marabilloso xardín fixen un vagaroso percorrido pola Ruta dos sete miradoiros, con vistas ao Loira e aos seus antigos peiraos, vestixios do pasado industrial da cidade, e de entre todos eles fiquei completamente cativado polo Belvédère de l’Hermitage, inspirado nun niño de cegoña.

Antes de abandonar Nantes, que foi capital verde de Europa no ano 2013, aínda tiven tempo de visitar outros dous dos seus xardíns espectaculares, o Jardin des Plantes e mais o Jardin Japonais, que, aínda que non estaban inspirados nas obras de Jules Verne, non teño dúbida ningunha de que serían totalmente do seu agrado.

© Xesús Constela, 2024