Retallos de mundo: Mérida, Iucatán, México

Poio
26 de decembro 2021

No estado mexicano do Iucatán, construída por riba dunha antiga vila maia que tiña o fermoso nome de T’ho,i> e fundada no ano 1542 polo conquistador sevillano Francisco de Montejo, el Mozoi>, atópase a cidade de Mérida, a súa capital, bautizada con ese nome polas similitudes que gardaban as tonalidades das pedras da antiga vila maia coas das ruínas romanas da Mérida de España

Avenida 62 Xesús Constela

No estado mexicano do Iucatán, construída por riba dunha antiga vila maia que tiña o fermoso nome de T’ho, e fundada no ano 1542 polo conquistador sevillano Francisco de Montejo, el Mozo, atópase a cidade de Mérida, a súa capital, bautizada con ese nome polas similitudes que gardaban as tonalidades das pedras da antiga vila maia coas das ruínas romanas da Mérida de España.

Agora en declive, foi unha das cidades máis importantes de México dende un punto de vista económico e podo asegurar que aínda conserva algo dese aire señorial e relaxado que a caracterizou nos primeiros anos do século vinte, cando un bo número dos seus habitantes eran ricos terratenentes que vivían da produción de agave fourcroydes, coñecido alí como henequén, unha planta da familia dos cactos que ten unhas follas das que se obteñen unhas fibras longas e resistentes que resultan magníficas para a fabricación de sacos e cordas. Era tal a importancia do seu cultivo que as familias adiñeiradas podían contarse por ducias na antiga cidade de Mérida, que exportaba ese valioso material a Europa e os Estados Unidos a través do porto de Sisal, a bastantes quilómetros de distancia, polo que non é difícil imaxinar a inversión en infraestruturas efectuada até as primeiras décadas do século vinte para ver de diminuír a duración da viaxe nun Iucatán absolutamente illado do resto de México (e do mundo, xa que logo) por unha absoluta falla de estradas.

Grazas ao henequén, o "ouro verde", fixéronse grandes fortunas, e os hacendados pasaban longas tempadas en París e Nova York e enviaban os seus fillos a estudar en Europa. Iso si, convén subliñar que entrementres os labregos, verdadeiros artífices do milagre do henequén, estaban forzados a traballar de sol a sol e vivían en réxime de escravitude recibindo a cambio do seu traballo unhas miserábeis moedas fabricadas nas haciendas, polo que se vían obrigados a mercar con elas nas tendas dos seus propios xefes a prezos desorbitados. Deste xeito os cartos que saían volvían entrar nun exemplo senlleiro de xestión económica.

Mais todo o bo remata nalgún momento e os habitantes de Mérida houberon contemplar impotentes o esmorecemento desta farturenta época de bonanza cando no horizonte empezaron a aparecer as fibras sintéticas que dunha vez por todas habían de facer fracasar o negocio do cultivo do henequén.

Pero as pegadas deses anos gloriosos ficaron para sempre impresas nas rúas da cidade, dende o meu punto de vista a máis fermosa do estado de Iucatán, especialmente nunha longa avenida que se estende dende o barrio de Santa Ana, no centro, até a saída cara ao porto de Progreso e, como non podía ser doutro xeito, leva o nome do fundador. Porque oPaseo de Montejo é un capricho máis dos soños megalómanos dos hacendados, os señores do henequén que, cobizosos dos grandes bulevares de París non dubidaron no intre de intentaren construír unha réplica caribeña dos Campos Elíseos para ergueren nas súas beiras un amplo catálogo de elegantes mansións coloniais, suntuosos edificios que na actualidade están a pasar a mans de grandes entidades bancarias (as máis delas europeas) e compañías multinacionais porque nin as autoridades locais nin ningún dos habitantes actuais de Mérida teñen nin de lonxe os cartos necesarios para o seu sostemento.

Poucas cousas me fixeron gozar tanto da monumentalidade da cidade como o pausado percorrido que fixen polo Paseo de Montejo baixo o sol do Caribe para despois parar a descansar sentado nun banco á sombra dunha palmeira dos xardíns do inmenso Zócalo, a praza maior, arrodeado dunha multitude de xente, vendedores de artesanía, de globos, de zumes de froitas inconcibíbeis e de calquera cousa susceptíbel de se vender, que acode ao lugar a calquera hora do día até ben entrada a noitiña, cando a cidade parece por fin refrescarse das tremendas suores producidas pola calor.

No Zócalo, precisamente, están varios dos moitos abraiantes edificios coloniais de diferentes séculos que a cidade atesoura: a Catedral de San Ildefonso, do ano 1598, a máis antiga da América colonial, que semella máis unha fortaleza ca unha igrexa, o Palacio de la Gobernación, de 1892, decorado no seu interior con enormes murais que representan o nacemento dos maias simbolizados nunha mazaroca de millo que xurde dunhas mans divinas, a Casa de los Montejo, vivenda da familia do fundador, de 1549, que ten esculpidas na fachada unhas arrepiantes imaxes do que foi a colonización e América, dous fachendosos conquistadores a pisaren as cabezas dos indíxenas conquistados, e a Casa del Ayuntamineto, construída entre 1734 e 1736 coma antigo cárcere colonial.

A pesares de andar a roldar o millón de habitantes o centro da cidade de Mérida aínda conserva o gusto fermoso das vilas pequenas cando a xente acude ás rúas máis céntricas no seu tempo de lecer para as converter nun espléndido catálogo de personaxes chegados dende os empobrecidos barrios da periferia ou dende as moitas aldeas da contorna. Nas noites de sábado e domingo ao longo de todo o ano esas rúas do centro péchanse ao tráfico e ducias de grupos de música animan o ambiente cálido da noite caribeña apostados nas esquinas creando unha atmosfera tan animada que resulta difícil de esquecer.

Mais antes de abandonar a cidade de Mérida é moi recomendábel achegarse á cafetería do Teatro José Contreras, que data do ano 1618, aínda que soamente sexa para admirar a súa fermosa escalinata de mármore de Carrara, todo un luxo para que as familias dos hacendados do henequén luciran as súas mellores vestimentas ao saíren dos palcos nos descansos das funcións.

© Xesús Constela, 2021