Retallos de mundo: Marrakech, a perla vermella de Marrocos

Poio
04 de febreiro 2024

Teño estado en lugares que me produciron sentimentos encontrados, e un deles foi, sen lugar a dúbida, a cidade de Marrakech, á que Marrocos debe o seu nome, capaz de transmitir tal morea de sensacións, ás veces mesmo contrapostas, que de ningunha maneira pode deixar indiferente a quen a visita, e abofé que dende que puxen un pé na súa fascinante medina fun quen de comprender que, se quería coñecer o latexo da súa alma verdadeira, tiña que procura o xeito de aturar o acoso continuo e insoportábel dun enxame de homes de diferentes idades que se me ofrecían como guías

Zoco das alfrombras Xesús Constela

Teño estado en lugares que me produciron sentimentos encontrados, e un deles foi, sen lugar a dúbida, a cidade de Marrakech, á que Marrocos debe o seu nome, capaz de transmitir tal morea de sensacións, ás veces mesmo contrapostas, que de ningunha maneira pode deixar indiferente a quen a visita, e abofé que dende que puxen un pé na súa fascinante medina fun quen de comprender que, se quería coñecer o latexo da súa alma verdadeira, tiña que procura o xeito de aturar o acoso continuo e insoportábel dun enxame de homes de diferentes idades que se me ofrecían como guías, e ás veces mesmo chegaban a me acompañar durante algún tempo nunha sorte de competición por ver quen conseguía convencerme de que o escollese. A única solución que atopei foi armarme de paciencia día tras día até que ían vendo que prefería camiñar pola miña conta e que, se necesitaba algunha orientación, xa me encargaría eu de buscar quen ma dera.

Este continuo acoso de falsos guías, se ben nos últimos tempos foi decrecendo, chegou a representar un problema de tal magnitude que xa hai anos que as autoridades locais se marcaron como obxectivo a súa total erradicación sen, de momento, poder conseguilo.

Fóra disto, Marrakech, coñecida como a "perla do sur" ou "a cidade vermella", é un lugar que ten encantos abondo para cativar a quen o visita, e o mellor xeito de descubrilos é deixándose contaxiar polo desbordante vitalismo dos seus habitantes.

Fundada no ano 1026 por Youssef Ibn Tachfin, primeiro soberano da dinastía dos almorábides, que a escolleron como capital do seu reino, sempre foi un lugar tan cobizado polos invasores que non deixou de pasar de man en man ao longo dos séculos até chegar a se converter na urbe vibrante que é a día de hoxe.

Alá polo ano 1147 foi conquistada polos almohades, que construíron a mesquita Koutoubia, e un século despois caeu en mans dos benimeríns, cos que comezou un longo período de trescentos anos de decadencia que remataron coa chegada dos saadíes, que levantaron o palacio el-Badi.

Xa no século XVIII acadaron o poder os alauitas, a dinastía reinante na actualidade, que en 1912, pouco antes do comezo do protectorado francés, lle quitaron a capitalidade do país para trasladala a Rabat, onde segue a día de hoxe.

A fermosa Marrakech, descrita polo deseñador de moda Yves Saint Laurent como "o lugar que me aprendeu o que é de verdade a cor", segue a ser un gran centro de atracción para os habitantes do sur de Marrocos e a súa tradición como punto de compravenda de todo tipo de mercadorías pódese observar dende o primeiro momento en que se cruza calquera das portas que se abren nas impoñentes murallas vermellas de adobe que cercan a súa medina, que constitúe un deses lugares nos que é imposíbel non perderse porque se trata dunha inabarcábel arañeira de rúas, calexos e pasadizos estreitos, especialmente no caótico labirinto do seu zoco, o máis grande do Magreb, que parece pensado para desorientar a quen transita por el.

A miña primeira incursión fíxena polos xardíns que rodean a mesquita Koutoubia, do século XII, que ten un altísimo minarete de pedra rosada que serviu de inspiración para a Giralda da catedral de Sevilla e pode verse dende case calquera punto da cidade, cousa moi a ter en conta nun lugar onde resulta tan doado perderse.

Dende alí fun directo ás ruínas do que foi o enorme palacio el-Badi, do século XVI, que constaba de trescentas sesenta estancias que foran decoradas con ouro e mármores por un exército de artesáns chegados dende todo o país, pero foi saqueado logo de cen anos polo sultán Moulay Ismail, coñecido como "o sedento de sangue", e agora serve de fogar a varias familias de cegoñas que ocupan os seus niños ano tras ano nos períodos migratorios.

Non moi lonxe da fermosa porta de gres azulado de Bab Agnaou, a máis maxestosa das murallas porque era o acceso á antiga kasba real, visitei un pequeno edificio do século XVI, que, oculto nun xardín ao que se chega por un corredor moi estreito, acolle as tumbas de diversos persoeiros da dinastía saadí, e non sabería dicir que parte do complexo foi a que máis me gustou, se a sala de oración do mirhab, ou a das doce columnas, onde está enterrada a familia do sultán Ahmed, ou a dos tres nichos, que alberga as tumbas dos nenos.

Outro día achegueime á madrasa Ben Youssef, que, cunha aula única consagrada ao mesmo tempo á oración e ao ensino, ten unha decoración fascinante feita de estuco e foi unha escola coránica de tal magnitude que a súa fama chegou aos máis afastados confíns do mundo árabe, e outros días visitei o Palacio de Bahía, mandado construír no século XIX polo gran visir Sidi Moussa en honra da súa favorita, e tamén o Museo de Marrakech, que expón unha fermosa colección de arte musulmán, e os xardíns de Menara, que convidan a camiñar arredor do seu gran estanque escavado no século XII como reserva de auga, e outro moitos lugares sobranceiros que ten a cidade.

Pero, sen ningún xénero de dúbida, o que máis gravado quedou na miña mente foi froito dos vagarosos paseos polas enmarañadas rúas da medina para me deixar sorprender pola beleza dos riads, as casas tradicionais marroquís, construídas arredor de luminosos patios centrais que combinan plantas e fontes dun xeito difícil de esquecer.

Perdinme tamén varias veces polo intricado labirinto dos zocos para observar as arrevesadas técnicas da compravenda e para admirar as habilidades dos moitos artesáns que teñen alí os seus obradoiros.

Pero o lugar a cuxos encantos me resultou completamente imposíbel non sucumbir, foi a praza de Jemaa el-Fna, quizais a xoia máis senlleira da cidade, que ferve de actividade en todo momento e vai cambiando de ambiente segundo sexa de noite ou de día.

O espectáculo comeza moi cedo cada mañá, mentres os comerciantes dos zocos van abrindo os seus postos, e a inmensa explanada empeza a encherse de carros nos que se serve zume de laranxa, e té de menta, e deliciosos pasteis de mel e froitos secos, ao tempo que tamén aparecen vendedores ambulantes que ofrecen boliños de canela quentes.

Pasadas estas primeiras horas do almorzo, todo parece invadirse dunha sorte de buliciosa loucura e Jemaa el-Fna transfórmase nun xigantesco escenario con multitude de atraccións a se desenvolver ao mesmo tempo cando aparecen varios grupos de bailaríns vestidos con caftáns bordados para executar danzas acrobáticas, e contacontos que intentan sorprender á multitude coas súas historias, e amestradores de monos, e mulleres que fan fascinantes tatuaxes de henna, e adiviños, e encantadores de serpes, e dentistas a vender dentaduras postizas de todos os tamaños, e portadores de auga con vistosas vestimentas e brillantes cuncas de cobre, e músicos, moitos músicos, a encher a atmosfera con todo tipo de melodías.

E unha vez que chega a noite a explanada énchese de postos nos que se elaboran unha infinidade de pratos que se poden degustar nos centos de mesas e cadeiras de madeira que, nun visto e non visto, acaban ateigadas de xente.

Podería seguir a falar dos encantos que me ofreceu Marrakech, que non foron poucos, pero non quixera rematar sen mencionar o tremendo pouso de pobreza que vin que asomaba cada dous por tres e se me fixo especialmente visíbel na cantidade de xente que andaba por todas partes a pedir esmola e, sobre todo, neses curtidoiros de pel dos arrabaldes da medina que visitei o derradeiro día da miña estancia, que están agachados dos ollos dos turistas, e onde os máis pobres entre os pobres traballan en condicións francamente duras e insalubres entre cubas escavadas no chan cheas de excrementos de pomba en estado de putrefacción que desprenden un fedor verdadeiramente difícil de aturar.

Xa dixen ao comezo que Marrakech é un lugar que me produciu sentimentos encontrados, e por iso cando ía camiño do aeroporto para coller o meu voo de regreso a casa non era quen de deixar de pensar que todos os encantos dunha cidade que me pareceu realmente fermosa poden ficar derramados por un desequilibrio social máis propio da Idade Media que deste século no que vivimos.

© Xesús Constela, 2024