Retallos de mundo: Kanchanaburi, Erawan e a ponte sobre o río Kwai

Poio
23 de xuño 2024

Unha das películas favoritas de meu pai era A ponte sobre o río Kwai, baseada na novela do mesmo nome do escritor francés Pierre Boulle e dirixida por David Lean no ano 1957, que resultou galardoada con sete premios Óscar da Academia de Hollywood, entre eles o correspondente á súa banda sonora, composta por Malcolm Arnold, que inclúe unha famosísima adaptación da Marcha do Coronel Bogey...

A ponte sobre o río Kwai na actualidade Xesús Constela

Unha das películas favoritas de meu pai era A ponte sobre o río Kwai, baseada na novela do mesmo nome do escritor francés Pierre Boulle e dirixida por David Lean no ano 1957, que resultou galardoada con sete premios Óscar da Academia de Hollywood, entre eles o correspondente á súa banda sonora, composta por Malcolm Arnold, que inclúe unha famosísima adaptación daMarcha do Coronel Bogey, unha melodía do exército británico que data de 1914 e aparece varias veces ao longo do filme asubiada polos soldados do coronel Nicholson, interpretado por Alec Guinness nun papel polo que tamén recibiu un premio Óscar.

A película de David Lean, e tamén a novela de Pierre Boulle, aínda que difiren nos seus finais, narran a historia dun batallón de prisioneiros de guerra británicos que, condenados a traballos forzados polo exército xaponés durante a Segunda Guerra Mundial, se ven obrigados, xunto con outros compañeiros de presidio, a construír unha ponte sobre o río Kwai, en Tailandia, que será utilizado polas forzas nipoas para transportar material bélico destinado á conquista de todo o sueste asiático e a India.

Ao comezo da historia o instinto dos prisioneiros británicos lévaos a pensar na sabotaxe das obras, pero o seu superior, o coronel Nicholson, un home flegmático e moi tenaz, consegue convencelos de que deben realizar a mellor construción posíbel a modo de símbolo da súa dignidade perante as circunstancias adversas nas que se atopan co obxectivo de demostrar aos xaponeses a superioridade moral do seu país.

Pero non vou contar o modo en que evoluciona o argumento nin, por suposto, o xeito en que remata, que xa dixen que non é igual na novela e na película, porque non teño ningunha intención de lle estragar a historia a quen non a coñeza.

Nunha viaxe a Tailandia, interesado neste episodio da Segunda Guerra Mundial do que tantas veces oíra falar a meu pai, gran amante do cinema bélico, decidín achegarme ao río Kwai Yai case en certo sentido a modo de homenaxe a el, e por iso collín en Bangkok un tren (o medio de transporte máis acaído para percorrer o traxecto) con intención de me trasladar á provincia de Kanchanaburi, que se atopa a cento vinte e tres quilómetros da capital en dirección noroeste e contén unha das grandes xoias naturais de Tailandia, o parque nacional de Erawan, que tamén me pareceu unha visita obrigada.

Antes de comezar a viaxe, nun intento de afondar un pouco máis nos pormenores dunha historia que só coñecía pola película, descubrín que a comezos da década dos anos corenta do século pasado unha das beiras do río fora utilizada polo Imperio do Xapón, daquela ocupante do país, como emprazamento dun campo de concentración onde recluirían a prisioneiros de guerra británicos, australianos, neerlandeses e asiáticos de diversas procedencias, para levar a cabo a construción dunha ponte sobre a que pasarían as vías dun tren que acabou coñecéndose como "ferrocarril da morte" pola inmensa cantidade de persoas que morreron nas obras do seu trazado.

Os xaponeses xa invadiran unha enorme extensión de territorio no que agora son países independentes do sueste asiático, Tailandia, Laos, Camboxa, Indonesia, Malaisia, Myanmar, Singapur e Vietnam, que daquela formaban parte dos imperios coloniais europeos, e tiñan a ollada posta en chegar a invadir a India, que estaba baixo dominio británico, e para poderen acadar ese obxectivo tiñan que cruzar a antiga Birmania, xa en parte no seu poder, polo que necesitaban transportar inxentes cantidades de tropas e de armamento, e por iso decidiron comezar a construción da famosa ponte sobre o río Kwai Yai, que na vila de Kanchanaburi se une ao Kwai Noi para formar o caudaloso Mae Klong, que flúe pola parte occidental do país até a súa desembocadura no golfo de Tailandia.

As condicións de vida no campo levantado polos xaponeses para a construción da ponte foron tan duras que se calcula que no lugar morreron arredor de cen mil persoas por mor das condicións estremas dos traballos, o gran número de enfermidades como cólera, malaria ou disentería que nunca foron tratadas, e a feroz brutalidade exercida polos gardiáns encargados de custodiar os prisioneiros, que eran alimentados simplemente a base de arroz que as máis das veces estaba en mal estado.

Para podérmonos facer unha idea da tremenda intensidade dos traballos de construción da ponte basta saber que as obras, que deron comezo o día dezaseis de setembro de 1942, ían durar cinco longos anos segundo o criterio inicial dos enxeñeiros xaponeses, pero concluíron nuns escasos dezaseis meses, cando por fin as vías do ferrocarril quedaron unidas preto do desfiladeiro dos Tres Pagodes e un tren bordel xaponés cargado de prisioneiras coreanas e filipinas prostituídas para goce dos soldados nipóns inaugurou a liña. A historia desta ponte, que foi bombardeada polas tropas aliadas no ano 1945, pareceume unha verdadeira atrocidade de comezo a fin, pero iso só fixo que tivese máis ganas de visitar o lugar onde se construíra.

Comecei a miña visita polo Cemiterio de Guerra de Kanchanaburi, no centro da vila do mesmo nome, onde hai máis de seis mil homes enterrados, británicos, neerlandeses e australianos, todos eles vítimas dos traballos forzados, e o que máis chamou a miña atención mentres camiñaba entres as súas tumbas foi a idade que marcaban as lápidas da inmensa maioría deles, que roldaban os vinte e poucos anos cando viviron a terríbel atrocidade que tivera lugar nas beiras do río.

Deseguido fun cara ao lugar onde se atopa a ponte de aceiro actual, a arredor de dous quilómetros e medio da vila, que non é a mesma daqueles tempos, que xa dixen que foi destruída polas bombas aliadas, e atopeina completamente chea de xente a se facer fotos sobre as súas avellentadas pranchas de metal, que forman un camiño sobre un río realmente fermoso rodeado dunha espesa vexetación tropical e de augas tan tranquilas que nada fai pensar que fora unha calada testemuña de tantas barbaridades como alí aconteceron.

Para ver o único anaco da ponte orixinal dos anos 1940, que fica a poucos metros do estremo sur da actual, visitei o precario Museo da Segunda Guerra Mundial, dividido entre dous edificios moi necesitados dunha boa inxección económica que, sen aparente orde nin concerto, exhiben vagóns de ferrocarril utilizados polos xaponeses para o transporte de prisioneiros e mercadorías, fotografías reais da vida no campo de concentración, material bélico de todo tipo, obxectos de uso cotián e unha curiosa colección de figuras de cera de persoas a tamaño real que coñeceron tempos mellores e intentan representar a tremenda dureza dos traballos desenvolvidos nos tempos da construción do ferrocarril da morte.

Resultoume moi difícil abandonar o lugar sen sentir a necesidade de facer unha limpeza das imaxes que levaba na cabeza, e por iso decidín coller un autobús que me levou até o punto de acceso ao parque nacional de Erawan, a zona de bosques protexidos máis extensa de Tailandia, que é tan grande, cincocentos cincuenta quilómetros cadrados, que cubre tres distritos, Muang, Sisawat e Sai Yok, a non moita distancia da vila de Kanchanaburi.

Debo dicir que foi un dos lugares naturais máis fermosos de todos cantos teño visitado, con fascinantes pozas de augas de cor azul turquesa que se forman entre as rochas no percorrido dun río que se abre paso a través dunhas montañas repletas de bosques moi frondosos, e ao longo dun quilómetro e medio forma sete niveis de fervenzas que rivalizan entre elas en fermosura, aínda que a máis abraiante de todas é a que se atopa na parte superior e lle dá ao parque o seu nome pola súa semellanza, seica, cun elefante mitolóxico de sete trompas chamado Erawan, que era propiedade de Indra, o deus hindú da atmosfera, o ceo, a treboada e o lóstrego, que, ademais de ser completamente branco, na Tailandia budista aparece representado con tres cabezas.

O parque nacional de Erawan, onde puiden gozar de inesquecíbeis baños nalgunhas das pozas formadas polas súas fervenzas, tendo moita conta, iso si, de que ningún dos numerosísimos monos que habitan no lugar me roubase algunha das miñas pertenzas mentres estaba metido na auga, foi, sen dúbida, o sitio perfecto para conseguir borrar da miña cabeza as malas sensacións que levaba despois da miña visita á ponte sobre o río Kwai.

Cando por fin me vin de novo na casa ao regreso daquela viaxe a Tailandia, unha das primeiras cousas que fixen foi volver a ver a famosa película de David Lean, rodada, por certo, en Sri Lanka, e todo o tempo tiven a estraña sensación de ter a meu pai sentado á miña beira nunha butaca do salón.

© Xesús Constela, 2024