Retallos de mundo: Greenwich, Londres

Poio
14 de maio 2023

Poucos lugares do mundo ofrecen, como Londres, unha variedade tan grande de actividades que realizar, dende interesantes museos onde botar días enteiros, até grandes parques nos que perderse, pasando por multitudinarios mercados onde cada vez que se vai se descubre algunha inesperada novidade, ademais dunha vida cultural fóra de seriespantimes>

Universidade de Greenwich Xesús Constela

Poucos lugares do mundo ofrecen, como Londres, unha variedade tan grande de actividades que realizar, dende interesantes museos onde botar días enteiros, até grandes parques nos que perderse, pasando por multitudinarios mercados onde cada vez que se vai se descubre algunha inesperada novidade, ademais dunha vida cultural fóra de serie. É unha urbe vibrante na que se combinan factores de índoles moi diversas que en principio poderían antollársenos incompatíbeis, cando en realidade non o son, e a mestura de todos eles dá como froito unha sociedade tan activa que nunca parece descansar e vive sumida nun continuo ir e vir que ás veces pode ter un aquel que resulta algo caótico.

Pero por sorte Londres tamén acolle no seu seo lugares aos que acudir neses momentos en que se necesita tranquilidade para desconectar do estrés que pode chegar a producir o día a día, e un dos meus favoritos, sen ningún xénero de dúbida, é o barrio de Greenwich, un verdadeiro remanso de paz que, malia encontrase en medio da gran urbe, ten a singular capacidade de ofrecer ao visitante toda unha serie de recunchos nos que gozar dunha sensación de relax semellante á que normalmente só se encontra nas vilas pequenas, cousa que resulta ser un verdadeiro tesouro nunha densa área metropolitana que congrega máis de catorce millóns de persoas.

O borough, distrito, de Greenwich, ao que se pode chegar nunha máis que agradábel travesía en barco a través do Támese, é un dos trinta e dous que constitúen o que se coñece como Gran Londres e está na ribeira sur do río, moi preto da moderna zona de negocios de Canary Wharf, nun dos grandes meandros que fai xusto antes de afrontar a súa saída ao mar. Trátase dun lugar senlleiro e moi famoso arredor do mundo porque se atopa na lonxitude 0º0ʹ0ʺ, determinada polo meridiano que o cruza, utilizado dende o ano 1884, entre outras cousas, para fixar as distintas zonas horarias do noso planeta e para delimitar a fronteira imaxinaria entre os hemisferios oriental e occidental.

O tamén coñecido como meridiano cero cruza o barrio xusto polo outeiro onde se atopa o antigo Royal Observatory, fundado polo rei Carlos II en 1675, o mesmo ano en que creou o cargo de astrónomo real para lle encomendar o estudo dos movementos dos corpos celestes en aras de mellorar as artes da navegación. Na actualidade o observatorio xa non se usa como tal e foi transformado en galería de exposición permanente de telescopios, compases, astrolabios, reloxos, cronómetros e outros instrumentos usados na historia da astronomía e a orientación no mar.

Greenwich foi tamén o lugar escollido pola raíña María II para lle encargar a Sir Christopher Wren, o gran arquitecto encargado de reconstruír Londres logo do gran incendio que o deixara completamente arrasado no ano 1666, a construción no antigo solar onde se levantara o pazo dos Tudor, a dinastía gobernante do país até 1603, dunha residencia para mariñeiros xubilados da Mariña Real Británica, a Royal Navy, que levou o nome de Greenwich Hospital e estivo en funcionamento até 1869, cando se transformou no Royal Naval College, Real Escola Naval, para ser o lugar de formación de todos aqueles que querían alistarse na Armada Británica, e con posterioridade na Universidade de Greenwich, institución que ocupa na actualidade os edificios de estilo neoclásico, que teñen na capela de San Pedro e San Paulo o seu elemento máis sobranceiro.

O antigo Navy College é un lugar que me fascina porque me parece un dos campus universitarios máis fermosos que coñezo, con fachadas decoradas con enormes columnatas e uns interiores que acadan o seu punto máis fermoso no Painted Hall, un gran salón deseñado por Sir James Thornhill a comezos do século XVIII con paredes pintadas con sorprendentes imaxes de reis, raíñas e criaturas mitolóxicas.

Pola súa vinculación coa armada, a historia de Greenwich ficou para sempre tan ligada aos grandes navegantes ingleses e ás súas viaxes, que na actualidade acolle dúas verdadeiras xoias que a min persoalmente me encantan: o gran veleiro Cutty Sark e o National Maritime Museum.

O primeiro, que leva o nome dunha bruxa que aparece nun poema de Robert Burns, o máis querido poeta en escocés e autor da letra do Auld Lang Syne, o gran himno de despedida do mundo anglosaxón, foi construído nuns estaleiros de Escocia no ano 1869, e está considerado o derradeiro dos clippers, aqueles grandes veleiros británicos que sucaban os mares do mundo enteiro.

O impoñente Cutty Sark, cunha eslora de case sesenta e cinco metros, estaba dedicado ao comercio de te entre Londres e a cidade chinesa de Shanghai, e coa chegada dos barcos de vapor foi destinado ao transporte de la dende Australia até a metrópole do inmenso imperio nunha travesía que duraba nada máis e nada menos que sesenta e sete días que para aqueles tempos representaban un auténtico logro da navegación.

Agora o flamante barco, perfectamente restaurado e transformado en museo, vive o seu pacífico retiro en dique seco á beira mesma do río Támese, cos seus tres altísimos mastros aínda a desafiar as brisas e o vento, como vello lobo de mar aparentemente orgulloso das grandes travesías vividas.

O National Maritime Museum acolle a meirande biblioteca de referencias mariñas do mundo, o que para min xa supón un atractivo sen par, e unha fascinante colección de case dous millóns de obxectos que ilustran a relación de Gran Bretaña co mar, dende a roupa que levaba posta o almirante Nelson cando morreu en Trafalgar, cousa ben curiosa, até abraiantes cadros de Turner, o gran pintor inglés do século XVIII que tan ben soubo pintar barcos e paisaxes mariñas, pasando por embarcacións de distintos tamaños e procedencias e instrumentos de todo tipo utilizados en expedicións ao longo do cinco continentes. A min particularmente sempre me deixou engaiolado a fermosa colección de mascaróns de proa tallados en madeira que ocupa as paredes dun dos seus patios interiores, toda unha serie de personaxes aos que só lles falta falar para nos poder contar historias de mariñeiros que de seguro que nos ían parecer fascinantes.

Greenwich sempre me deu a impresión de ser unha típica vila inglesa agachada no corazón de Londres, e por iso coido que unhas das mellores experiencias que se poden vivir no barrio é dar un paseo a través das súas rúas con toda a calma necesaria para gozar do tranquilo transcorrer da vida, e de vez en cando facer algunha parada para tomar unha pinta de cervexa nun dos moitos pubs que se poden encontrar polo camiño, que tamén elaboran deliciosas comidas tradicionais que nos van servir para saciar o apetito, aínda que para iso tamén resulta máis que interesante acudir ao mercado que leva máis de douscentos anos a celebrarse diariamente no centro da vila porque, ademais de postos de venda de obxectos de todo tipo, basicamente artesanía, é tamén un lugar onde se poden saborear diversos tipos de comidas de arredor do mundo, igual que acontece na meirande parte dos mercados londinienses.

Outro edificio que sempre espertou a miña curiosidade pola súa historia é o que se coñece como Queen’s House ou Casa da Raíña. Xa dixen que Greenwich foi un lugar moi ligado á realeza dende os tempos dos Tudor, de feito foi o sitio onde naceu o máis famoso rei da poderosa dinastía, Henrique VIII, que fundou a Igrexa de Inglaterra para poder divorciarse de Catalina de Aragón, a primeira das súas seis esposas.

A Casa da Raíña foi construída polo arquitecto Inigo Jones por encargo do rei Xacobe VI de Escocia e I de Inglaterra como agasallo para a súa esposa, a raíña Ana de Dinamarca, xusto no que agora é a zona central dos edificios do antigo Royal Naval College porque o lugar ofrecía unhas espectaculares vistas do río Támese e os bosques que había onde na actualidade se erguen os modernos rañaceos de Canary Wharf.

Trátase da primeira construción de estilo neoclásico de Inglaterra e na súa fachada posterior ten un balcón cuberto pensado polo arquitecto para que a raíña e outras damas da corte contemplasen as cacerías a cabalo que se desenvolvían no seu couto privado de caza, pero a mala fortuna non quixo que isto chegase nunca a suceder porque Ana de Dinamarca morreu antes de que as obras rematasen. A mansión caeu en desgraza e non volveu usarse até que moitos anos despois a raíña Henriqueta María, esposa de Carlos I, decidise convertela no seu refuxio, aínda que tampouco puido gozar del por moito tempo xa que llo impediu a Guerra Civil que comezou en 1642.

Antes de coller o barco para abandonar o barrio convén dar un máis que agradábel paseo polos terreos do antigo couto de caza da realeza que hoxe en día están ocupados polo Parque Greenwich, un dos máis grandes de Londres, e son outro dos meus lugares favoritos pola súa unha inmensa capacidade para facer esquecer a cidade que se estende ao seu redor ao longo de millas e máis millas e ofrecer a sempre grata sensación de que se está a pasear polo campo, polo que sempre paga a pena a visita.

© Xesús Constela, 2023