Retallos de mundo: Catacombe dei Cappucini, Palermo, Sicilia

Poio
22 de xaneiro 2023

O escritor Xesús Constela volve ofrecer en PontevedraViva as súas interesantes crónicas de viaxes. Nesta ocasión fai un percorrido polo Catacombe dei Cappucinii> ​ na cidade siciliana de Palermo

Esquina entre dous corredores con momias de sacerdotes e prelados

Sen ningún xénero de dúbida, un dos lugares máis singulares de todos cantos teño visitado está na cidade siciliana de Palermo, no barrio de Cuba-Calatafimi, debaixoda igrexa de Santa Maria della Pace, lugar escollido no ano 1534 polos frades da Orde dos Irmáns Menores Capuchinos para fundar un convento que segue a funcionar como tal a día de hoxe.

Para veren de enterrar os monxes que ían falecendo escavaron baixo a igrexa unha enorme foxa común á que se accedía a través dunha porta situada na parte baixa do altar de Sant’Annaque servía para depositar os corpos envoltos nun sudario para o seu descanso eterno.

Co paso do tempo esa foxa resultou insuficiente para o número de cadáveres que tiña que acoller, polo que no ano 1597 os frades decidiron dotar o convento dun cemiterio máis grande con acceso pola parte posterior do altar maior, aproveitando, polo visto, unhas antigas covas xa existentes no lugar.

Logo de dous anos de traballos, no momento en que ían proceder ao traslado dos restos dos monxes soterrados na antiga foxa, descubriron que os corpos de corenta e cinco deles estaban case intactos, sorprendentemente momificados de xeito natural.

Interpretaron o feito coma un sinal de benevolencia divina e decidiron non enterrar máis corpos polo método usado até entón para, en troques, empezar a expoñelos de pé, vestidos cos seus hábitos monacais, en nichos construídos nos muros do seu novo cemiterio subterráneo.

Polo visto o proceso de momificación natural consistiu na deshidratación total dos corpos, pero os frades quixeron melloralo e acabaron embalsamando os cadáveres mediante unha técnica que consistía en retirar os órganos internos para poñer no seu lugar palla ou loureiro antes de deitalos sobre unhas estruturas de drenaxe para logo deixalos pechados nun ambiente subterráneo de moi escasa humidade. Transcorrido un ano os restos eran lavados con vinagre para, finalmente, vestilos coas súas mellores galas antes de expoñelos no lugar que lles fora reservado.

O primeiro cadáver que acolleu o novo cemiterio foi o do monxe Fra Silvestro da Gubbio, exposto xusto á esquerda da entrada cun cartel conmemorativo do seu pasamento, que tivo lugar o dezaseis de outubro de 1599.

A nova do descubrimento dos cadáveres momificados correu a toda velocidade por Palermo adiante e deu tanta sona ao convento entre as altas esferas da sociedade da época que os frades, previo pago dunha boa cantidade de cartos, empezaron a acoller no seu cemiterio un número cada vez maior de cadáveres alleos á súa orde, polo que non lles quedou máis remedio que abrir novos corredores que se foron enchendo de finados metidos en cadaleitos sen tapa ou amarrados de pé contra as paredes en diferentes niveis.

Tratábase principalmente de personalidades ilustres procedentes de case toda Sicilia que deixaban estipulado que desexaban que os seus corpos se confiasen aos capuchinos a cambio de substanciosas doazóns. Mesmo houbo casos de persoeiros que nos seus testamentos daban instrucións das roupas que se lles deberían poñer e a periodicidade coa que habían de ser cambiadas, de tal xeito que os seus descendentes ficaban para sempre obrigados a pasar polo convento dos capuchinos para cumprir as súas obrigas.

O cemiterio, que axiña se coñeceu como Catacombe dei Cappucinipolo seu carácter subterráneo e a súa estrutura en corredores, malia que nunca foi unha auténtica catacumba ao non se tratar dun lugar usado polos primitivos cristiáns para celebrar as súas cerimonias relixiosas en tempos de persecución, estivo aberto a enterramentos até o ano 1880 con dúas excepcións: Giovanni Paterniti, cónsul dos Estados Unidos en Palermo finado en 1911, e a meniña Rosalia Lombardo, falecida en 1920.

Nada máis coñecer a existencia deste cemiterio tan singular sentín un fondo desexo de visitalo por todo canto acabo de contar e porque estaba convencido de que os persoeiros que estaban alí momificados aínda me habían de convidar a unhas interesantes reflexións.

Sentín que entraba a ver espectáculo realmente macabro e debo recoñecer que mentres baixaba as escaleiras que me conducían ao interior das catacumbas sentía un aquel desa intranquilidade que se sente ao ver unha película de terror no cinema.

O cemiterio defínese como "il luogo dove i vivi incontrano i morti", o lugar onde os vivos se encontran cos mortos, e abofé que ese foi o sentimento que tiven cando por fin puxen o pé no seu interior.

Perante de min abríase un primeiro corredor dos cinco dos que consta o recinto. Ten un que acolle as momias dos frades capuchinos falecidos dende o século XVI, outro cheo de sacerdotes e prelados envoltos en ricas roupaxes, outro que aloxa mulleres aviadas con vestidos brancos bordados que coñeceron tempos mellores, outro para homes da burguesía de Palermo e outro para profesionais de moi diversos oficios, médicos, avogados, mestres, artistas, políticos e militares, ademais de varias capelas dedicadas a rapazas que morreron virxes ou a raparigos de diferentes idades, preto de oito mil cadáveres a me contemplar dende as paredes ateigadas de momias dende o chan até o teito.

Pero o que máis chamou a miña atención, polo seu carácter abertamente perturbador, foi a momia da meniña Rosalia Lombardo, o derradeiro cadáver incorporado ás catacumbas. Trátase dunha pequena que tiña apenas dous aniños cando morreu por mor dunha pulmonía e o seu corpo está nas catacumbas por iniciativa de seu desolado pai, que pagou unha boa cantidade de diñeiro para ver cumprido o seu desexo. Está tanben conservado que se coñece popularmente como Bella addormentata. Impresionan o seu rostro sereno e os seus rizos dourados a lle caer pola fronte, a pel que parece suave e delicada…

Nunca visitara un lugar que me fixese pensar tanto como estas catacumbas, que enchese a miña mente de sentimentos bastante contraditorios que aínda me acompañaron ao longo de varios días.

Pero quen sabe, quizais algún día regrese porque son un namorado de Sicilia e penso que pagaría a pena unha nova visita. As Catacumbas dos Capuchinos de Palermo son un cemiterio tan estraño que seguro que volverei ficar abraiado.

© Xesús Constela, 2023