Representantes do Museo de Pontevedra viaxan a Barcelona en busca de ideas para o edificio de Arqueoloxía de Valdecorvos

Pontevedra
30 de novembro 2019

Este luns e martes, unha delegación da institución provincial dependente da Deputación, viaxará a Barcelona para buscar ideas construtivas e de funcionamento que incorporar ao novo edificio de Arqueoloxía que se construirá en Valdecorvos

Museo de Pontevedra Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra segue dando pasos para avanzar no seu crecemento. Este luns e martes, unha delegación da institución provincial dependente da Deputación, viaxará a Barcelona para buscar ideas construtivas e de funcionamento que incorporar ao novo edificio de Arqueoloxía que se construirá en Valdecorvos.

O equipo técnico multidisciplinar que se vai a desprazar á cidade catalá, pretende coñecer as instalacións do Arxiu Arqueològic do Museu d’Historia de Barcelona, do Centre de Restauració de Bens Mobles de Catalunya e do Museu do Disseny de Barcelona. Durante a visita manterán varias reunións con varios técnicos especialistas para analizar as diferentes necesidades a satisfacer nunha edificación como esta, desde o deseño arquitectónico ao programa funcional, sistema de almacenaxe e protocolos de xestión da colección.

Os encargados de viaxar a Barcelona serán o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey García, que se centrará en incorporar propostas para a
conceptualización xeral e definición do programa de necesidades do novo edificio
; Jesús Aser Fole de Navia Osorio, arquitecto da Deputación de Pontevedra, que elaborará o proxecto arquitectónico; Rafael María Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación que se encargará en concreto da definición de áreas funcionais, medición e caracterización da colección, circulacións e protocolos de traballo; así como Óscar Taboada Romero, restaurador do Museo, que fixará a súa atención na conservación preventiva, nos protocolos de conservación e restauración da colección, no equipamento e medios auxiliares necesarios para o funcionamento.

O director do Museo de Pontevedra quixo destacar que "a xestión eficiente dos almacéns e arquivos é un dos principais retos aos que se enfronta o museo actualmente e necesita respostas para evitar o colapso na capacidade de almacenaxe", así como "articular un programa funcional para xestionar de maneira eficiente a colección arqueolóxica".

É por iso, que dentro da Deputación están a traballar na definición do 'Arquivo e Centro de Xestión da Colección Arqueolóxica do Museo de Pontevedra' coa finalidade de centralizar nunha edificación de nova planta, en Valdecorvos, a xestión integrada dos fondos arqueolóxicos e así liberar espazo nos almacéns do Sexto Edificio para que poida ser ocupado por outras coleccións.

De modo paralelo á construción deste novo edificio de Arqueoloxía, a Deputación está a avanzar no proxecto de rehabilitación dos edificios históricos do Museo, para os que se propuxo unha conexión soterrada que permitirá unha mellor accesibilidade e duplicar a superficie expositiva