Remata a edición máis multitudinaria e exitosa do Sonrías Baixas

Bueu
05 de agosto 2024

O festival conseguiu reunir durante as súas tres xornadas a máis de 26.800 asistentes. A 21ª edición do SonRías Baixas xerou un impacto económico no territorio de 2’3 millóns de euros e nela traballaron preto de 1.000 persoas

Festival SonRías Baixas Aigi Boga

Tras unha pasada edición que xa bateu récords, o festival SonRías Baixas pechou a súa 21ª edición con gran éxito e celebrando un novo fito relativo ao número de asistentes. 

Segundo informa a organización, o festival conseguiu reunir durante os días 1, 2 e 3 de agosto a máis de 26.800 persoas no recinto das Lagoas de Bueu, experimentando un crecemento de máis do 20% con respecto ás cifras de 2023 e consolidándose como unha das citas de referencia do verán musical en Galicia, ampliando e estendendo cada vez máis a súa influencia e notoriedade por todo o Estado.  

O impacto económico que deixa esta nova edición do SonRías na zona ascende a 2,3 millóns de euros, o máis alto da súa historia e reflectindo o crecemento que está a experimentar o festival de maneira directa no tecido turístico e hostaleiro da localidade, e tamén en toda a contorna da vila mariñeira. Durante todo o seu desenvolvemento, no festival traballaron preto de 1.000 persoas. 

Este ano a proposta artística supuxo a contratación de 26 bandas e foi mostra da evolución musical da que o festival quere ser amplamente partícipe, mesturando bandas consolidadas e queridas por todos (La Oreja de Van Gogh, Rayden, Rozalén), con formacións de máis recente creación pero que chegan pisando moi forte (Álvaro de Luna, Ginebras, La La Love You) e sen esquecerse do talento galego, sempre moi presente no espírito do SonRías. Para o recordo quedan as actuacións de Grande Amore, Fillas de Cassandra e o multitudinario concerto de Tanxugueiras. 

As colaboracións entre artistas tamén regalou grandes momentos, unindo ás recentemente citadas con Rayden e Rozalén, Álvaro de Luna sumouse ao set de Sexy Zebras, Sabela foi a convidada no concerto de The Rapants e Luis Fercán sorprendeu ao persoal ao aparecer por sorpresa no concerto de Mr. Kilombo. 

A vocación interxeracional do SonRías Baixas segue patente un ano máis, conseguindo reunir grazas á súa variada proposta a público de todas as idades, que continua sendo moi nova e maioritariamente feminino (máis do 64% dos seus asistentes son mulleres). O cartel tamén foi esta edición exemplo de aposta polo talento feminino, sendo a maior parte dos seus nomes principais proxectos liderados por mulleres e contando máis de 2/3 da súa proposta con bandas con representación feminina nas súas filas.