Redrum Teatro representará este xoves 'Hamelin', un espectáculo sobre os abusos á infancia

Pontevedra
06 de marzo 2023

A compañía de teatro continúa a súa xira 'Hamelin', un espectáculo dirixido por Alex Sampayo que se representará este xoves 9 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra ás 21:00 horas 

Elenco de actores de 'Hamelin'

Redrum Teatro continúa este xoves 9 de marzo en Pontevedra coa xira de 'Hamelin', espectáculo teatral escrito polo dramaturgo Juan Mayorga e dirixido por Alex Sampayo que aborda o conflito dos abusos sobre a infancia. O Teatro Principal acollerá a función ás 21:00 horas

'Hamelin' é unha proposta escénica que pon o foco na infancia, así como nas diferentes formas que ten a sociedade de relacionarse con ela, o papel que xoga no seo do noso contexto social e as diferentes violencias que se poden chegar a exercer sobre a mocidade. Segundo a compañía, trátase dunha obra de gran atracción que fai partícipe o público de constantes dicotomías contemporáneas sobre a culpabilidade, a inocencia, os erros colectivos, as invisibilidades, as realidades familiares ou as condutas individuais.

Esta obra conta cun elenco de sete intérpretes formado por Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Machi Salgado, Belén Constenla, Fran Lareu e Rubén Porto.

Será a segunda ocasión que a compañía adapte ao galego un texto de Juan Mayorga, autor teatral que no 2022 recibiu o Premio Princesa de Asturias das Letras, xa que a primeira traducción que realizou foi a de 'O mozo da última fila'.

As entradas xa están á venda a través da plataforma dixital de Ataquilla.