Recala en Caldas de Reis a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

Umia
05 de xullo 2023

Esta mostra repasa a historia da Casa-Museo de Rosalía e lembra o fito que supuxo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas. Ubicada na Praza Martín de Herrera dende este martes ata o 18 de xullo

Recala en Caldas de Reis a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía Concello de Caldas de Reis

Este martes inaugurouse en Caldas de Reis a exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía' na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.

A mostra, que forma parte do Festival Cultura Quente, pódese visitar na Praza Martín de Herrera ata o 18 de xullo, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. 

Foi inaugurada coa presenza de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; e Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas, que financia esta itinerancia como Mecenas da Casa de Rosalía.

Esta exposición fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.