La Raíz regresará aos escenarios seis anos despois no SonRías Baixas

Bueu
12 de decembro 2024
Actualizado: 11:45

A actuación está prevista para o xoves 31 de xullo e suporá o regreso como cabeza de cartel ao escenario que os viu despedirse temporalmente en 2019. Volven como parte da súa Xira Reencuentro

La Raíz, no festival Revenidas 2015 Festival Revenidas

O festival SonRías Baixas completa o seu cartel coa incorporación de La Raíz, un grupo que regresa despois de seis anos fóra dos escenarios

A actuación está prevista para o xoves 31 de xullo e suporá o regreso como cabeza de cartel ao escenario que os viu despedirse temporalmente en 2019.

A formación, que acaba de despachar dous sold outs consecutivos no Wizink Center de Madrid ante 34.000 persoas, regresa a Bueu como parte da súa Xira Reencuentro e para celebrar os seus vinte anos cumprindo esa promesa coa que anunciaron o seu parón, 'Nos volveremos a ver'. 

Ese mesmo xoves 31 tamén estará no cartel Canteca de Macao para celebrar o 20 aniversario de 'Cachai?', o seu primeiro álbum.

Ademais, Muyayo Rif volverán ao festival cos seus hits máis coñecidos e cos novos incluídos no seu último álbum, 'Megalithi', o seu último disco, co que xiraron por todo o mundo. 

Nesta xornada inaugural tamén se suma Baiuca, que presentará 'Barullo', o seu novo álbum, e tamén un novo show, estreando novo repertorio e reformulación estética en directo. 

A 22 edición de SonRías Baixas celebrarase entre o 31 de xullo e os días 1, 2 e 3 de agosto de 2025, catro xornadas completas e a tradicional Festa de Benvida da tarde do mércores.

Os abonos de fin de semana (venres, sábado e domingo) están á venda desde o pasado luns a través da páxina web do festival, sonriasbaixas.info, e Enterticket, con posibilidade de adquirir a acampada para os tres días e precargar de maneira anticipada a pulseira. 

Os abonos de 4 días poñeranse á venda este xoves ás 12.00 horas. Aquelas persoas que xa adquirisen o abono de 3 días previamente poderán, se o desexan, convertelo nun abono completo, incluíndo a xornada do xoves.

Durante os días 19 e 20 de decembro sairá a distribución do cartel por días e tamén se habilitará a compra de entradas de día para cada xornada do festival. 

Estes catro últimos nomes súmanse aos 23 xa confirmados, entre os que se inclúen algúns dos artistas nacionais máis importantes e relevantes do panorama musical actual. Consulta aquí o cartel.