RADIO.- Se non te enganchaches ás súas novelas estás a tempo, volve Rafael Tarradas con 'La voz de los valientes'

Pontevedra
18 de marzo 2023

O que comezou sendo un agasallo para a súa familia converteuse nun éxito editorial. Titulábase 'El heredero' e era 2020. Rafael Tarradas Bultó publica a súa terceira novela, tras 'El valle de los arcángeles', da que nos fala en PontevedraViva Radio  

Rafael Tarradas Bultó Carlos Ruiz B.K.

Rafael Tarradas Bultó desenvólvese con total soltura na comunicación, é o seu ámbito profesional e empresarial. Faio xa tamén no sector editorial, onde en tres anos publica tres títulos con satisfactorias críticas. E xa está inmerso no que será o seu cuarto libro. Arrincouse escribindo e autoeditando un agasallo para a súa familia que pasou a ser unha novela de Planeta. Titulábase 'El heredero' e comezaba 2020, logo chegou 'El valle de los arcángeles'. Este 2023 é 'La voz de los valientes'.

Ambientou 'El heredero' no contexto da guerra civil española, recuperando algunhas das súas historias familiares. 'La voz de los valientes', sen ánimo de secuela, dá continuidade a algúns daqueles personaxes primigenios. Estes xunto aos que presenta nesta novela viven, sobreviven, tratan de sobrevivir e tamén espían na Segunda Guerra Mundial. Páxinas que levan á Alemaña nazi, discorren polas invasións e alianzas daquela Europa e tamén por España. Protagonistas con valentía que elixen e por tanto defínense, como di Tarradas. Con personaxes femininos moi potentes, que do mesmo xeito que na propia Historia, exerceron roles fundamentais no auxilio dos perseguidos xudeus.

Resulta inevitable falando co autor, das súas novelas e de como se iniciou nisto de escribir, non facer mención á súa familia. Fillo do empresario Rafael Tarradas Gorchs e neto de Francisco Bultó, o fundador das motocicletas Bultaco, sobriño neto do asasinado José Manuel Bultó, sobriño de Álvaro Bultó ou primo de Sete Gibernau. E pasando ao capítulo amizades, é integrante de 'a xunta' - non, non é ningunha entidade administrativa -, nome que xa é popular e ao que pertencen 'descoñecidas' como Carolina Adriana Herrera, Eugenia Silva ou Paula Echevarría e 'descoñecidos' como Fernando Andina ou Aldo Comas.

De todo falamos no podcast'Cara a cara' completo que se adxunta e que tamén se pode descargar na web de PontevedraViva Radio.